Opinión

O compás e o espello

O mosteiro da miña vila está cheo deles por tódalas partes, fundamentalmente no espazo interior da igrexa, así como por distintos lenzos do que se coñece como claustro barroco ou procesional. Mesmo na fachada principal, coroando -nunca mellor dito- o tímpano central, se vostede pasa con frecuencia pola Praza Maior de Celanova ou se se achega ocasionalmente, poderá contemplar, alá no alto, senllos exemplares pétreos de ámbolos dous, dignos de admiración, formando parte dun conxunto heráldico certamente destacado.

Segundo contan os historiadores e haxiógrafos de Rosendo Guterres -o fundador da miña vila-, tanto o compás coma o espello foron inicialmente as letras gregas alfa maiúscula e omega maíuscula que penduraban a cada un lado dos dous brazos dunha cruz pretendidamente semellante á cruz da victoria que tan famosa fixo o asturiano Don Pelayo nos montes de Covadonga e que representaban o inicio e o fin de tódalas cousas.

É posible que a relación familiar que mantiñan os ascendentes de Rosendo coa realeza astur-leonesa, fose a razón de ser da adopción dun remedo de tal símbolo cando á curta idade de 18 anos foi nomeado bispo.

O tempo e os costumes mudantes da estética fixeron, logo da desaparición física do fundador de Celanova, que os monxes bieitos que habitaron o conxunto monacal por el mandado construír, xunto cos mestres de obras que sucesivamente deseñaron e dirixiron as distintas fases constructivas do edificio actual, transformaran a alfa nun compás e a omega nun espello circular.

Segundo apuntan algúns especialistas, dis que co primeiro -é dicir, co compás- quixeron representar o círculo como símbolo da figura xeométrica exacta. Aquela que non ten arestas e que, polo tanto, semella a perfección na obra humana.

Co segundo -é dicir, co espello-, seica quixeron representar o trebello que nos retrata e que non nos deixa mentir, cando nos miramos, sobre os nosos feitos.

Lembrei onte o compás e o espello do escudo primixenio de Celanova, ó ver o logotipo co que o Partido Popular pretende encarar a nova etapa e que se suma á moda dos círculos -non sei se "podemitas"- coroado cunha evolución da gaivota que ben podería ser tomada coma un compás aberto en ángulo obtuso.

Sei que todo é producto da miña imaxinación, pero, se cadra, non lles iría mal se viran no círculo un espello no que mirarse para non repetir profundos erros pasados.

Te puede interesar