Opinión

Contas perversas

Polo que se vai vendo, lendo e escoitando, cobran forza na capital unhas contas un tanto perversas, ás que probablemente ninguén chegou nos primeiros intres da noite electoral. Ou, polo menos, ninguén as tentou insinuar sequera, daquela, pero que día tras día van entrando con calzador na lóxica da política, que como vostede ben sabe é a menos lóxica de tódalas ramas do pensamento ou da socioloxía.

Mentres o curso do río Limia se transformaba en Lima e me conducía paralelo cara Viana do Castelo, que era onde tiña o meu destino onte pola tardiña, escoitei unhas declaracións radiofónicas do aspirante á alcaldía (se é que isto do que falo é certo, hai que comezar a chamarlle así, aínda que el o negue coa boca grande) polo Partido Socialista, nas que desbotaba calquera proposta de pacto -unha proposición kafkiana, creo que dixo- depositada na sede de Vázquez Barquero, polo candidato á alcaldía -neste caso si- por Democracia Orensana, para gobernar en comandita o edificio da Praza Maior.

Logo, a seguir -como diría un vianés- escoitei outras do propio candidato "autónomo" nas que afirmou con rotundidade que o seu obxectivo era conseguir a chave da alcaldía, sexa o próximo día 13, sexa dentro duns cantos meses e se para iso tiña que escribir un guión de suspense no último minuto do pleno de toma de posesión, escribiríao e a ver cál era o resultado.

E velaí, entón, que as contas, nas que ninguén -ou case- caeu nos primeiros intres do remate do escrutinio, son as que describo de seguido con claridade aritmética: Se resulta que, tal como anunciou, Vázquez Barquero decide que o seu grupo político votarao a el, sen entrar en disquisicións externas, e, ó ver o candidato de DO que non consegue reunir os 14 votos que lle darían a alcaldía, opta por escribir, xunto co resto dos seus 7 compañeiros, o nome de Vázquez Barquero, o propio Vázquez Barquero sería alcalde de Ourense logo de acadar os peores resultados que o seu grupo político acadou dende que a democracia é democracia en Ourense e no resto do país.

É certo que, de saíren estas contas, Vázquez Barquero sería elixido alcalde de Ourense sen pagarlle ningún peaxe a ninguén. E, do mesmo xeito, Pérez Jácome, sairía relativamente victorioso porque, ademais de furtarlle a alcaldía ó PP ("a ese señor no lo puedo ver"-escoiteille nunha entrevista), tería oportunidade de facerlle oposición a un alcalde cun grupo político máis pequeno có del, cousa que non acontecería se quen saíse elixido alcalde fose un Jesús Vázquez que está agora mesmo atado de pés e mans e con menos capacidade de manobra ca un petroleiro no Berbés, neste perverso balbordo aritmético no que os ourensáns capitalinos se meteron eles "sozinhos", que diría tamén un portugués.

Te puede interesar