Opinión

As contas ó revés

 Despois de ter lido e escoitado non sei cantas explicacións de representantes políticos de tódalas formacións que acadaron os resultados máis significativos na provincia de Ourense e que corroboran esa máxima enunciada por algún politólogo, que ata agora dicía que as eleccións nin se gañan, nin se perden, senón que se explican, e que acadaron o seu máximo nivel de incoherencia (ou de cinismo, non sei...) nos representantes do PSOE e do BNG provinciais, ó consolarse o primeiro con que "os partidos de esquerda superan amplamente ó PP" -coma se o seu partido fose o cabezallo do carro-, e asegurando a segunda que "foron uns resultados aceptables, xa que acadamos representación en Europa" -coma se o feito de que a súa candidata vaia botar un ano en uns meses en Bruxelas fose a victoria de Bailén-, pídeme o corpo, hoxe, botar as contas ó revés.


E digo botar as contas ó revés, porque as vou botar ó revés de cómo as botan -polo menos, de portas a fóra- os partidos políticos, aínda que se tivesen como máxima a humildade na xestión política e a sinceridade na cuestión analítica, deberían ser como as deberían botar sempre, co fin de que a prepotencia e a endogamia non lles distorsionara esa perspectiva que non lles permite ver que a inmensa maioría da xente coa que se cruzan diariamente pola rúa non os votou.

Vexamos, senón:

Vou tomar como exemplo os resultados conseguidos en Ourense polas formacións políticas que acadaron representación no Parlamento Europeo e viralos ó negativo para que os grises se vexan brancos e os brancos grises e así observar a verdadeira rúa, malia que poida ser cruel.

Comecemos dicindo que en Ourense hai 280.436 persoas con dereito a voto. Pois ben, se tomamos esa cifra como referencia e colocamos, un por un, ós líderes políticos provincias -poñamos por caso- na rúa do Paseo, o líder do PP debería saber que de cada cen persoas que se cruzan con el, 80 non o votaron. Pola súa parte, o líder do PSOE debería saber tamén que desas mesmas cen persoas, 90 tampouco contaron con el. Mentres que ó de AGE serían 97 os que obviaron a súa papeleta, ós do BNG e "Podemos" serían 98, e ós de CxG e C's serían 99 os que nin miraron para eles. É dicir, colocados cen ó azar -neste último caso- no medio dunha praza, tan só eles serían os votantes da súa formación.


E esta é a verdade pura e dura. O outro son artificios sistemáticos e soliloquios de auto engano nos que nin eles cren e que só serven para seguilos afastando dunha realidade que, se non recúan, aínda pode ser moito máis cruel.                                        
                                    

Te puede interesar