Opinión

Curros e Feijóo

Leo na prensa de hoxe -onte para vostede-, que a estatua do Padre Feijóo -que leva acompañando os avatares cotiáns da cidade dende hai 135 anos- apareceu pintada cun anacrónico "Arriba España" carente de significado e que, polo tanto, non ten máis obxectivo có de facer dano polo mero feito de facer dano, sen outra connotación, que de tela -loxicamente- tampouco soportaría a mais mínima xustificación.

Leo a información e lembro que aínda non lle dediquei unhas liñas, neste 250 aniversario, ó meu tocaio de apelido, Benito Feijóo, e que entre as moitas páxinas non inéditas pero si descoñecidas de Curros Enríquez existe un opúsculo que reproduce unha obriña de teatro que se cadra cabería elevar a representación con motivo desta efeméride, non tanto pola calidade da mesma (posta en dúbida polo mesmo Curros), canto pola súa singularidade e por cómo o poeta avanza nela -ou, mellor dito, no seu preámbulo- as diferencias que Curros mantén coa curia ourensá e que haberían desembocar nun aberto desencontro un ano despois cando sae á rúa o desta volta xa coñecido "Aires da miña terra".

Titúlase, o guión teatral, "El Padre Feijóo, loa dramática en un acto y en verso", e segundo conta Celso Emilio Ferreiro na súa biografía sobre o autor do "Divino Sainete", a peza foi escrita por encargo da comisión organizadora dos actos celebrados con motivo da instalación do monumento -no 200 cabodano do freire de Casdemiro- e redactouna Curros en verso nun suspiro de pouco máis de 24 horas.

Representouna, o día 3 de xuño de 1879, a compañía infantil dirixida por Luis Blanc no Teatro de Ourense e posteriormente sería publicada no verán do ano seguinte, contando a modo de prólogo cunha carta que Curros Enríquez lle escribe ó seu grande amigo de Cortegada, o político e escritor José Ojea e na que, entre outros desenfadados comentarios, di: "Querido Pepe: Pensaba no dar a la estampa esta obrita, que hoy te dedico, por dos razones: la primera porque es mala y no habrá quien me haga creer lo contrario, dada la premura con que la escribí, y la segunda, porque, sin querer he ofendido con su representación a la benemérita y respetable clase diaconal, cuyo pudor teológico mortifiqué sensiblemente con la solución que me plugo dar a los amores de fray Diego y Marta, y con la presentación en escena del Padre Feijóo, tal y como yo lo comprendo..."

Tal e como a estas alturas pode supoñer, a obra relata os amores entre un freire, Diego, e a súa moza, Marta, que viaxa dende Aragón para sacalo do convento, contando para elo coa connivencia e comprensión do Padre Feijóo.

E é que, como o propio Curros canta: "Castilla tiene el talento,/ Aragón tiene el valor;/ Galicia lo tiene todo,/ pues tiene al Padre Feijóo.

Te puede interesar