Opinión

Dereito de autor

Hai uns días recibín unha chamada dun creativo que estaba traballando no deseño dunha campaña publicitaria para un producto comercial -permítanme que non desvele nin o tipo nin a especialidade porque non é procedente- e que tiña por obxecto preguntarme se os textos de Manuel Curros Enríquez aínda estaba suxeitos ó pagamento de dereitos de autor.

Loxicamente, a miña contestación foi que non, que as letras do autor de "Aires da miña terra" xa hai preto de trinta anos que non xeran beneficios engadidos, dos que por outra banda -cando os xeraban- eran beneficiarios directos os seus netos, bisnetos, etc.

Aproveitamos a conversa, sen embargo, para falarmos dos pormenores da idea e das letras sobre as que estaba traballando e o certo é que a min parecéronme moi interesantes. Oxalá a súa proposta saia para adiante. Polo ben da campaña e tamén -por qué non- polo ben da Fundación da que me honro en ser secretario, porque nos axudará a divulgar aínda máis ó "noso" autor.

Traio esta anécdota a colación ó fío do estado de actualidade no que están os "dereitos de autor", logo de que, dende o pasado día 1, un feixe de importantes autores de referencia na literatura española -poñamos por caso, Lorca, Unamuno, Valle Inclán e outros- deixaron de xerar eses recursos engadidos dos que nalgúns casos se vían beneficiados os descendentes e noutros as fundacións ou colectivos que custodian o seu legado e a súa memoria.

E tráioa, ademais, co fin de aproveitar esta circunstancia para reflexionar sobre a pertinencia ou non do cobro dos dereitos de autor literarios -regulados pola lei de propiedade intelectual-, que ata o ano 1987 eran de oitenta anos e para os autores que faleceron despois desa data téñense visto reducidos nunha década.

Supoño que o lexislador reflexionou abondo denantes de min, cando levou a cabo a redacción desta lei e as súas sucesivas modificacións dende 1880, creo.

Supóñoo e, polo tanto, non poño en dúbida o seu criterio. Sen embargo, iso non obsta para que a min me xere moitas dúbidas esa limitación dos dereitos de propiedade que lle prescriben ós herdeiros dun escritor ó longo dos anos. E digo isto porque se no canto de ser un poemario ou unha novela, o obxecto de creación fose unha obra pictórica, unha escultura ou calquera outra obra física, a que o creador lle deixa en herdanza ós seus descendentes, a propiedade do cadro ou da escultura non prescribe por moitas décadas que pasen. E iso, así nun principio, non semella ser moi xusto.

Te puede interesar