Opinión

Despoboamento?

Hoxe escoitei que un gurú da demografía mundial -americano, supoño- asegurou con timbre de voz a nivel de alerta, que seica vivimos nun planeta superpoboado e que como non empecemos a regular dalgún xeito a poboación acabaremos merendándonos uns a outros -isto non o dixo el, senón que é da miña colleita- porque os recursos cos que nos alimentamos son finitos e non se rexeneran á velocidade exponencial á que nos reproducimos os seres humanos.

Espertado por tal advertencia decido ir a un contador de poboación en tempo real deses que hai na rede, concretamente a "www.worldometer.info" e co risco de me ver superado pola velocidade dos nacementos (porque mentres leo os primeiros nove díxitos o décimo crece sete ou oito unidades) conclúo en que no intre no que escribo a cifra que aporta o contador é de que somos 7.225.775.095 de habitantes os que dun xeito un tanto desproporcionado nos reportimos polo largo e longo mundo que nos acubilla.

Leo isto e sen precisar coñecer dato algún sobre o investigador nin afondar no seguramente coherente e documentado estudo demográfico, o asunto -que certamente teño traído a esta columna a colación en moi diversas ocasións- xérame unhas cantas dúbidas respecto do noso -refírome a Galicia- posicionamento socioeconómico no mundo.

Seica vivimos nun planeta superpoboado, dígao ou non este tal demógrafo, e resulta que as políticas que se desenvolven nos distintos sectores do noso sistema de organización social -poñamos por caso a última decisión sobre a reorganización xudicial do noutrora "progresista" ministro Gallardón- e dos plans de redistribución da renda pública a través dos orzamentos da Comunidade Autónoma están pensados na inmensa maioría dos casos e no tocante ó mundo rural galego -é dicir, a aquel que se afasta ducia e media de quilómetros das cidades e pouco máis ou menos a ras da franxa de 50 quilómetros da costa- para un escenario de despoboamento practicamente total á volta de pouco máis de dúas décadas.

Para qué se vai rematar unha autovía -volvo á columna desoutro día- entre Celanova e Arcos de Valdevez se para cando algúns esteamos xubilados -que non queda tanto- xa non haberá practicamente aldeas?

Para qué se van ampliar parques empresarias se para cando volva cantar o cuco dentro dunhas cantas primaveras xa case non haberá quen o escoite?

Para qué se van reforzar as escolas se pronto non haberá nenos que enchan de vida as aulas?

En fin, para qué malgastar o diñeiro se total ó reforzar a valla en Melilla xa ninguén será capaz de molestar a nosa comunmente aceptada agonía?

Por certo, remato a columna con 7. 225. 779.095. é dicir 4.000 habitantes máis ca hai pouco máis de media hora. Case tantos como vivimos en Celanova.

Te puede interesar