Opinión

DESTERRADOS

Dende hai algo máis dunha ducia de anos, concretamente dende un día dos últimos meses de 1999, conservo nunha carpeta que pon 'Luís Soto', unha fotocopia dunha carta que o día 18 de setembro de 1939 lle escribiu Castelao ó propio Soto e cuxo orixinal se conserva no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e eu tiven oportunidade de publicar neste mesmo xornal no mes de decembro daquel ano, cinco anos despois de que todo o expolio do mestre de Vilanova dos Infantes fose traído polo seu fillo dende México para que investigadores e estudosos tiveran a man toda a documentación que de forma desordenadamente controlada Soto Fernández atesourou ó longo da súa complicada vida e que serven para coñecer unha boa parte da historia da Galicia de acá e de acolá, de preguerra e de posguerra.


Entre as moitas cousas que lle di o polígrafo de Rianxo ó que exercera de secretario seu ó longo dos meses que percorreron os Estados Unidos procurando adhesións para o maltreito goberno republicano no exilio, hoxe quérome deter nunha que forma parte da intrahistoria dos grandes nomes, esa visión humana dos personaxes, coas súas filias e as súas fobias, cos seus medos e as súas xenreiras e sen a cal case nunca se entenderían as súas obras.


Nun momento da carta, Castelao prégalle a Soto que lle xestione a súa saída dos Estados Unidos:


'Rógoche, pois, moi encarecidamente, que xestiones o visado do meu pasaporte no Consulado de México en New York e que, valéndote de quén sexa e como sexa non me poñan reparos. Non pido máis que eso. Pol-o d-agora non necesito máis que eso. Se ti logras a orde de que se me vise o pasaporte non te esquezas de que tamén o necesito par-a miña muller, e mándamo sen perda de tempo. Teño fame de verche, porque non vexo homes en New York e téñome medo a min mesmo. Estou, pois, decidido a marcharme tan axiña como poida conquerir o visado do pasaporte. E dispois verei o que fago. Estaría ahí unha tempada e logo marcharíame a Chile ou ao Inferno.'


Logo, e non sen declararse tamén 'entristecido', recoñece que tódalas queixas que lle participa na carta non son, senón, 'maquinacións que a miña tristura de desterrado non pode evitar'.


Pois ben, igual que Castelao, Soto tamén padeceu a súa propia 'tristura de desterrado', polo que o feito de que o seu nome se conserve agora nunha placa, non fai outra cousa ca devolver a súa memoria a unha terra da que nin el nin ninguén debera ter fuxido nunca.

Te puede interesar