Opinión

Entre o cutre e o excelso Baltar

Levo uns días "san baixar" a Ourense -que é como dicimos na miña vila cando imos á capital- e, polo tanto, non tiven vagar de ilo ver en vivo e en directo, porque para poder comprender a dimensión estética das cousas non hai como colocarse diante delas e examinalas sen interferencias, tanto para ben como para mal.

Estoume referindo a ese apesebrado remedo de nacemento que colocaron na cidade e do que onte deu boa conta informativa, tanto gráfica coma textual, este mesmo xornal.

De todos modos, á vista das fotografías e das desculpas peregrinas ofrecidas -"descoñezo que se ve un pouco desanxelado" e "sérvenos de aprendizaxe”- non fai falla ningunha colocarse perante del -do nacemento, digo- coma un rei mago para testemuñar tal edefesio estético.

Non pretendo eu facer sangue ou meter o dedo na ferida aberta, porque é certo que unha cousa é predicar e outra dar millo -como di o refrán- e, pouco a pouco, semella que se van dando conta, os que dende fora da xestión da administración pensan que a vara de mando da alcaldía é unha variña máxica coma a do Mago Antón, coa que se pode executar todo canto a un se lle pasa pola cachola e logo cando zopan coa realidade resulta que nin os outros eran tan parvos como semellaban nin eles tan “lindos” como lles dicía o espello.

Ora ben, isto non quita que, máis alá da anécdota, ó estilo do Cristo de Borja, o asunto nos leve a unha reflexión, tan só tres días despois do segundo cabodano do falecemento de Arturo Baltar.

Resulta que Ourense conta dende hai décadas co máis excelso e polo tanto máis espectacular nacemento que hai en Galicia (e, probablemente, dun dos de máis valor etnográfico e artístico que se conservan en España) completamente esquecido e abigarrado nun escenario digno pero insuficiente e totalmente escondido na cidade, mentres a administración local tira os cartos con contratacións de urxencia que, máis que admiración, provocan mofa e vergoña, allea e propia.

Cumpriría unha boa función este nacemento "desanxelado", se as críticas fixesen reflexionar ós que toman as decisións e aproveitasen a "metedura de pata" para colocar de vez o Belén de Baltar -xunto co conxunto de retabliños- nun lugar moito máis espacioso e visitable nalgún edificio máis céntrico e cunha iluminación e escenografía máis proporcionada ó conxunto, co fin de darlle máis amplitude e perspectiva a edificios e xentes que nese Belén nos representan a tódolos galegos.

Malicio que iso, xunto con algunhas “cousiñas” máis, si que convocaría ás xentes doutros lugares a se achegaren a Ourense polo Nadal.

Te puede interesar