Opinión

Eramos nove

Estancado na teima de que non haberá recuperación demográfica, nin enchedura da denominada España baleira que valga sen, entre outras iniciativas estratéxicas, a do desenvolvemento dun plan de comunicacións como deus manda, cada vez que subo a un transporte público en espazos urbanos ou periurbanos adoito reparar en tódolos detalles posibles co fin de calcular ata que punto o servizo é rendible ou canto diñeiro, máis ou menos, ten que insuflar o erario público para que o sistema sexa sostible.

A última vez -polo de agora- que me aconteceu isto foi o pasado sábado pola media tarde nun ferrocarril de vía estreita que como vostede seguramente coñece comunica toda a cornixa cantábrica dende Ferrol ata Irún, contando incluso cun servizo de luxo, o Transcantábrico creo que se chama, cuxo billete chega a valer arredor dos 6.000 euros.

Por desgracia para min e os meus acompañantes non foi ese, nin moito menos, o servizo por nós reclamado, senón un simple transporte vespertino entre Torrelavega e Santander, alá polas seis da tarde para volver logo no último establecido, arredor das once da noite.

Como indiquei liñas arriba, nós eramos catro e cando chegamos á estación o escenario non anunciaba grandes apertóns nin situacións de abafo como se adoitan vivir en hora punta no Metro ou, probablemente nese mesmo tren outros días da semana.

O tren levaba 3 vagóns con capacidade para unhas 40 persoas en cada vagón. Contabilizamos, polo tanto, 120 posibles pasaxeiros sen contar co conductor.

Xunto con nos os catro montaron na mesma estación (debo dicir que era punto de partida, polo que o tren estaba completamente baleiro) entre mozos e mozas e algunha outra persoa maior, montaron outras cinco persoas. É dicir, que en total aqueles tres vagóns, con ou sen motor tractor e loxicamente co seu conductor, transportounos ó longo duns 25 quilómetros nun traxecto de media hora de duración, a nove persoas ben contadiñas e esparexidas por onde cada quen quixemos ó noso dispor.

Non son quen de calcular canto custa mover tal maquinaria, con gastos de transporte, prorrateo de mantemento da catenaria e da vía e gastos de conductor, a devandita viaxe. Pero aínda sen saber iso, o que si estou en disposición de asegurar é que non foi pagado, nin minimamente cos 22,5 euros que aboamos entre as nove persoas que con pracidez estival e gozando da paisaxe cántabra, nos trasladamos dende Torrelavega á capital.

Si, xa sei que haberá outras viaxes que cubran con creces eses déficits momentáneos e que non imos reclamar agora un tren para comunicar os concellos da provincia. Pero si outros medios de transporte, por máis que sexan deficitarios, porque sen transporte –debemos repetilo ata que nos cansemos- non hai solución.

Te puede interesar