Opinión

Especies ameazadas

Os responsables do premio "Ouro Azul", co escultor Toño Monteiro e o empresario da Baixa Limia, Lino Perdiz á fronte, tiveron a ben recoñecer este ano a unha persoa que o sabe todo -ou case- sobre o medio ambiente da conxunción xeolóxica que forman en cadea as serras do Xurés e do Leboreiro, coa suave coitelada que polo medio lle fai o río Limia para facilitar o tránsito das augas e, polo tanto, das xentes, dende o norte cara o sur.

Pero disto xa deu cumprida conta informativa este xornal, polo que non é o fin desta columna reavivar a información, senón tomar como propias as cabais e documentadas reflexións de José Benito Reza, recollidas días despois neste mesmo medio en interesante entrevista de Laura Fernández e que se concentran diafanamente no titular que a presidiu.

"El hombre es una de las especies ameazadas del Parque del Xurés". Velaí o que, de forma literal, recollo do xornal dominical e que me provoca turrar do fío para, non tanto corrixir a José Benito -que non son quen para facelo-, canto para referendar con luces de neón de alerta a súa aseveración.

"Hai que pensar o territorio doutra maneira", di el, non sen antes indicar con realismo que vai ser moi difícil salvar os 30 mil núcleos de poboación que se espallan por todo o territorio, aínda que si que se pode paliar, sempre e cando nos mentalicemos de que salvar o noso hábitat e a nosa propia existencia é unha cousa de todos. "De pouco sirve que a administración pública -prosegue- turre do carro, se non hai un respaldo de acompañamento da iniciativa privada".

É dicir, para rematar, que no punto no que andamos -e isto xa son palabras miñas- "ou nos implicamos todos na nosa salvación ou aquí non queda nin dios".

Vivimos, el e máis eu, nunha da zonas xeográficas máis despoboadas e envellecidas de Galicia. O concello con máis poboación, dos 14 ou 15 que conforman as bacias medias dos ríos Arnoia e Limia, é o de Celanova, con pouco máis de 5.500 habitantes, cunha media de idade que non fai falla consultar ningunha estatística para chegar á conclusión de que anda próxima á idade de xubilación.

"Comercio, empresas de turismo..., iso é o que boto en falla -asegura- no desenvolvemento do Xurés e das terras de Celanova".

E, perante isto, eu engadiría: Comercio, empresas de turismo, dinamización, positivismo na mirada e sobre todo ¡unión!. Unión para asumirmos que como comarca única, en recursos turísticos arqueolóxicos, arquitectónicos, literarios e naturais non temos que envexarlle nada a ningunha outra comarca galega.

Iso si, só nos faltaría dar co buraquiño onde se atopa a chave do motorciño que abra a caixa da comercialización. Porque -repito- como el ben apunta, ou nos salvamos todos ou non se salva nin dios.

Te puede interesar