Opinión

Se eu fora mozo...

Hai ben anos que lle escoitei dicir ó profesor Alonso Montero algo así como que "chegará un día no que os mozos e mozas desta terra non é que deixen de falar galego, é que deixarán de falar, directamente".

Daquela, o autor do "informe dramático sobre a lingua galega" falaba así porque, segundo a súa impresión, co ruído que fan as músicas nos pubs e nas discotecas, para poderen entenderse, máis que falar o que tiñan era que ouvear ou, no seu defecto, expresarse nunha apócrifa lingua de signos.

É certo que o vello profesor esaxeraba un pouco daquela, non tanto no fondo da cuestión -é dicir, na súa profecía-, como nas causas da mesma. Loxicamente, a súa esaxeración tiña unha intención moi clara, que non era outra cá de espertar conciencias e ó mesmo tempo dar unha voz de alerta, que agora acaba de referendar con cifras o Instituto Galego de Estatística ó poñer de manifesto o retroceso que entre a poboación nova -e urbana- está sufrindo o uso cotián da nosa lingua, o que fixo -non cabía agardar outra cousa- que tódalas formacións políticas ergueran de novo o facho da loita para arrebolarlle con el -e co tan denostado como inútil decreto- ó de enfronte, sen facer, unha vez máis, a máis mínima análise de autocrítica, porque, como en tantos outros asuntos que teñen que ver coa nosa organización social, todos -e todas-, por acción ou por omisión temos sempre unha parte de culpa que acostumamos a non querer ver, porque como acabo de sinalar sempre é máis doado tranquilizar a conciencia botándolle a culpa ó de enfronte. Ou, no seu caso a un decreto. Coma se un idioma se falase por decreto!

Vexamos, entón:

Se eu fora mozo e escoitase falar a cotío o enxendro de idioma que os tódolos deputados galegos -sen excepción- utilizan no Parlamento, evidentemente non me provocaría falar en galego.

Se eu fora mozo, estudante de calquera centro e logo de acabar a clase de galego ritual, escoitase falar ó meu mestre ou á miña mestra nun castelán de Valladolid, evidentemente non me provocaría falar galego.

Se eu fora mozo e me cruzase con máis dun abandeirado público da causa -actores, actrices, políticos, etc.- falando un castelán cervantino, logo de telo visto na televisión erguendo o facho "eu, corazón, galego", evidentemente non me provocaría falar galego.

E se eu fora mozo e na miña casa ninguén, absolutamente ninguén, pronunciase unha soa palabra en galego ó longo do día, evidentemente non ía ser por un decreto que non lin, que eu me fose concienciar o suficiente como para falar, contra todos, galego.

Deixémonos pois de falacias, cinismos e hipocrisías e miremos ó noso carón. Seguramente haberá suficientes razóns para entoarmos o "mea culpa".

Te puede interesar