Opinión

Eu non podo parir!

Nun xornal de nantronte leo, coma un esgutío inmundo dentro dunha cova enorme, o lamento dun alcalde -o do Bolo-, que ecoa nas paredes da desértica tobeira, coma un estrondo, pola impotencia que sinte o home ó ver minguar a poboación do seu municipio sen ser quen de lle poder poñer remedio.


Imaxínoo eu, como imaxino ó resto de alcaldes e alcaldesas da provincia, cada quen enzoufado na súa adega, tratando de tapar os buratos do tonel para que non se derrame o viño polas fendas, pero nin coas mans nin cos pés, nin con todo xunto á vez, lle dan posto atallo a tanto oco na madeira e xa, completamente fartos e baldados de tanto facer aspaventos coas mans e cos pés, acaban por mandar todo "a tomar polo saco", exhaustos e resignados porque, se se zafa o viño, no fondo non é só un problema deles.


E non é porque non o teñan intentado. El mesmo declara que xa probou tódalas fórmulas que lle permite a lei. Regalando o leite da farmacia para a criatura, dando un cheque por cada nacemento, entregando 100 euros anuais a cada matrimonio con máis de tres fillos, concedendo axudas para o aluguer... En fin! Que xa fixo todo canto tiña que facer. E aí e cando, inevitablemente rebenta o dramático bruído: Eu non podo parir!


Velaí, benquerido lector, canta verdade resume tan enfático berro seco. Un berro que representa a impotencia suma e que, polo tanto, debería ser tomado coma o lema dun país que se sume e desaparece paseniño pola capa freática da historia sen que haxa máis remedio ca cantarlle uns responsos cando xa nin memoria quede de el.


Había tempo -xúrollo!- que non percibía tanto contido social e político en tan poucas palabras, razón pola cal de forma entusiasta felicito ó alcalde que as pronunciou, porque colocan o problema demográfico de Galicia no punto álxido da desesperación, que é, precisamente, no que todos deberiamos ter asumido hai ben tempo que é no que realmente nos atopamos.


Si. Xa sei -e xa me fixen eco diso- que esta lexislatura vai ser a lexislatura do emprego e da rexeneración do medio rural. Xa o anunciou o presidente electo e eu non vou ser quen de poñer as súas declaracións en dúbida.


E dado que sen transporte non hai vida, dende xa teñen unha boa oportunidade para empezar a facelo conseguindo unha axeitada -e adaptada ó momento que vivimos- ordenación do transporte público que a semana pasada aprobou o Consello da Xunta.


E, desde logo, cunha non menos oportuna -e imperiosamente necesaria- lexislación que me atrevo a suxerir, coa que se poida conseguir que o actual concepto estático de servizo público dos taxis nos municipios pequenos mude de medio a medio.

Te puede interesar