Opinión

FIDALGO SANTAMARIÑA, 'IN MEMORIAM'

Leo a sección 'Arte et alia' do compañeiro Xabier Limia con cariñosas palabras de lembranza sobre o común amigo ido, Xosé Antón Fidalgo Santamariña, e venme de novo á memoria un xantar do mes de xullo do ano 1993, do que gardo recordo gráfico que esoutro día colguei -a modo de homenaxe póstuma- no meu muro do 'facebook' e do que lembro unha nebulosa conversa sobre os proxectos de futuro (algúns felizmente executados e outros fracasados) que agora xa son pasado no noso común proxecto vital.

Leo as sentidas palabras de obituario de Xabier Limia e asolágame a mágoa ó pensar neses números de teléfono que van quedando anotados na axenda e que nunca máis volverei marcar, pero que me resisto a borrar por considerar que é un xeito íntimo e silandeiro de conservar ós que foron seus propietarios na miña memoria emocional. Marcos Valcárcel, María Félix, Pili, Benito Losada, Fidalgo Santamariña..., a vida comeza a transitar por vieiros con ramais que carecen de retorno e que provocan mirar atrás con máis frecuencia da desexada, a mesma coa que nos anos da fotografía ollabamos tan só para adiante porque era moito o camiño que daquela nos quedaba por andar.

Coñecín a Fidalgo Santamariña cando a Universidade de Vigo non era máis ca un gromo por asomar e o activo profesor, acompañado daquela (segundo o tipo de curso a abordar) por tres mozos recén chegados á docencia universitaria, como foron Jesús Simal, Vázquez Barquero ou Xosé Cid, tiña claro xa que para que a Universidade fose algo máis ca un gueto intelectual ou unha docente endogamia, era necesario sacala do seu entorno natural -as aulas- e trasladada, aínda que fose só no verán, a lugares non habituais como podía ser Celanova.

Foi así como se foron xestando os primeiros Cursos de Verán, que logo, co tempo, acabarían por visitar outros moitos lugares da provincia, bautizados xa como Cursos de Extensión Universitaria e probablemente sen o impacto social que daquela -por novidosos- posuían.

Logo coincidimos noutros moitos proxectos que nos axudaron a forxar unha relación de amizade fraternal e gracias á cal hoxe son realidade -sen ir máis lonxe no relatorio- iniciativas como a exposición que hoxe ilustra a singular adega de San Vivián (Vilanova dos Infantes).

Vaian, pois, nestas palabras públicas de lembranza -animadas polas de Xabier Limia-, o meu recoñecemento persoal, 'in memoriam', ó profesor, ó investigador e ó amigo que estudou e entendeu coma ninguén o gran segredo sobre o que se agacha a evolución humana: O da transmisión oral.

Din que cando un home se vai é coma se ardera unha enciclopedia. Coa marcha de Fidalgo Santamariña abofé que desapareceron unha manchea de andeis da nosa máis sabia biblioteca popular.

Te puede interesar