Opinión

Flores en Punxín

Hoxe debería sumarme á riada informativa da xornada e escribir sobre a Ribeira Sacra, logo do salto cualitativo que a proposta acaba de dar para colocarse de contado na lanzadeira que lle pode outorgar de aquí a uns meses un marchamo cualificativo de carácter universal.
Debería facelo. Pero como seguro que vai haber voces suficientes que multipliquen o volume do altofalante para chegar por moi distintos medios a toda a sociedade, permítame benquerido lector que, aínda sen perder o fío dunha visión universal, me deixe levar por unha verea tanxencial e lle dedique hoxe esta columna ás cousas do cotián, aquelas que forman parte do noso día a día máis próximo e fundamental: A familia, o noso entorno máis próximo, as penas, os adeuses e as alegrías, as lembranzas de onte e de nantronte, e os devezos por un mellor mañá, as amizades, os devanceiros, os temores e as esperanzas e incluso a entrañable lembranza dos nosos cans.

Permítame, benquerido lector, que devale hoxe pola verea simple da pel sensible que nos envolve a todos e que tanto nos pode permitir gozar coma provocarnos dor en doses indescriptibles, segundo os axentes externos colisionen con ela (con nós) e nos transmitan iso todo que acabo de relatar e incluso moito máis.

Permítame, benquerido lector, que hoxe escriba sobre un personaxe universal polo que correron ó longo de 79 anos milleiros de litros de sangue ourensá, malia que fose soamente ocasional -e emocional- o seu contacto coa nosa terra. Ocasional e emocional, pero, como tamén acabo de indicar, universal, pois foi gracias á palabra escrita e posteriormente trobada que o seu avó Eladio García -un mozo de Punxín que tamén conxugou o verbo marchar- se transformou nun ser universal, prototipo do emigrante galego que tanta universalidade nos ten legado, por máis que con demasiada frecuencia non sexamos quen de valorar na dimensión que un día tras outro lle deberiamos dar.

Permítame, benquerido lector, que escriba sobre Alberto Cortez (José Alberto García Gallo), "el trobador de las cosas bellas", o cantor da vida sinxela que tanto nos ten acompañado a moitos nas horas boas e malas e mesmo nos ten acariñado cando os sentimentos vagan ó noso redor sen norte.
Coma o seu universal "callejero", Alberto Cortez tivo que "beber de golpe todas las estrellas" para que eu soubera que, como testemuño do seu paso pola "vieja aldea" do avó Eladio, lle foi dedicada unha rúa que descoñezo arestora se conserva ou non algunha placa en lembranza daquel día.
E agora que o sei, se alguén me le dende Punxín, atrévome a pedirlle que, no nome das xentes sensibles que habitan no mundo e para as que o trobador compuxo tantas e tantas cancións, coloque unhas flores que el poida ver.

Te puede interesar