Opinión

GAITEIROS

A chegada a Ourense de Carlos Núñez co espectacular concerto que ofreceu nantronte no auditorio da capital para regalía dos sentidos de todos cantos alí estivemos, botou no fardel onde gardo as emocións e dun xeito puramente casual, dúas situacións certamente contradictorias que creo que debo comentar, non tanto para destacar a grandeza do primeiro -que non precisa de lecturas comparadas para demostrarlle ó mundo a súa valía musical e humana-, como para evidenciar a mediocridade á que pode chegar unha persoa cando decide erixirse en ánxel custodio das esencias patrias polo simple feito de ser herdeira dunha saga de fabricantes de gaitas.


Como acabo de escribir, a mera casualidade quixo que a media tarde me chegara pola rede un corte do programa Luar do pasado venres -creo-, onde Susana Seivane 'despotricaba' con mala saña e en riguroso directo televisivo (o cal lle dá aínda máis gravidade ó episodio) contra un coitado rapaz (logo souben que seica é de Verín) ó que non se lle ocorreu meirande 'crime' ca ir tocar diante dela (da 'santiña' do folclore impío) cunha gaita de tres roncos que seica en cada punteo e en cada sopro que forzaba o gaiteiro disque ameazaba con contaminar o ambiente cunha especie de gas mostaza capaz de asasinar co aire dun só fol á historia da música galega.


Saín, polo tanto, da casa co fel entre as virillas ó ver ata onde se pode ser cruel cos débiles sen ser quen de mover unha palla só diante dos fortes.


Cheguei, entón, ó auditorio ourensán e de súpeto toda aquela mestura cultural e todo aquel arrouto de universalidade musical que nos regalaron Carlos Núñez e o seu irmán Xurxo, xunto con Pancho Álvarez e o violinista dos Chieftains, o canadiense Jon Pilatzke, fixo que me esquecera pronto do desagradable vídeo que acababa de ver. Ata que entraron en escena, primeiro os alumnos de gaita do Conservatorio de Ourense, con gaitas tradicionais e a súa profesora Lorena Freijeiro -exalumna de Carlos Núñez e compañeira de Susana Seivane no xurado do programa televisivo- á fronte, e despois as mozas da banda de gaitas de Xunqueira de Espadañedo, cadaquén coa súa gaita de tres roncos ó lombo.


Nun intre, unha das mozas de Xunqueira saíu a agradecer a súa presencia no concerto e dixo: '¡Quen me ía dicir a min, que só fun onda Carlos, nun concerto na Coruña, a pedirlle un autógrafo, que ademais do autógrafo nos ía convidar a tocar con el aquí en Ourense!


É certo que as comparacións son odiosas. Case sempre. Nestes casos son xustiza.

Te puede interesar