Opinión

Gústache conducir?

Sempre me pareceu maxistral ese anuncio do brazo anónimo  en liberdade deixando abanear a súa man polo fluxo do aire en resistencia á tranquila velocidade dun vehículo case imperceptible para o espectador pero que semella levitar entre a paisaxe, gozando dende dentro do pracer que pode supoñer o feito cotián de conducir.

Malia ser un fan del, o certo é que nunca se me dera por saber quen estaba detrás da tan brillante idea publicitaria que mudou a fórmula de admirar os coches dende o seu exterior, como para darlle envexa ós viandantes se decides comprar un así, polo feito insólito de exaltar o atractivo propio da función dun vehículo, que é precisamente a de converter a conducción nun pracer por ela mesma, sen ningunha outra fachenda ou presunción cara ó exterior.

Hai uns días, no marco do foro da comunicación que organiza Expourense, ó que adoito acudir cada ano, cando o tempo me dá vagar par elo e que, para seguir creando, está pedindo unha máis ampla localización, puiden escoitar a unha das cabezas pensantes deste spot e doutros moitos -logo tiven oportunidade de documentarme- que forman parte da nosa memoria visual de consumidores das tres últimas décadas, poño por caso o non menos coñecido de "benvido á república independente da túa casa".

Chámase Toni Segarra e a revista expansión defíneo coma o "gurú da publicidade en España", mentres el seica se define, pola contra, "un tipo que escribe anuncios".

Non me pareceu falsa modestia. Nin moito menos. Ó longo da súa intervención -mellor dito, das súas dúas intervencións- falou practicamente sempre en plural, desmitificou esa parte idílica da publicidade que semella afirmar que as ideas son coma faíscas que aparecen no maxín por arte de “birlibirloque” e descargou nos equipos e incluso nalgúns casos nas boas fadas da casualidade ou da “serendipia” o que fai que algunhas ideas publicitarias funcionen e se convertan en verdadeiros fenómenos sociais.

Non tiven oportunidade de falar persoalmente con el, pero sinceramente admirei a capacidade de amosar o seu perfil de anti-divo, ademais, loxicamente, da coherencia e do contrapunto que amosou fronte outras opinións que pola sala navegaron con pagadas doses de presunto vanaglorismo local.

Noraboa, pois, ós órganos reitores de Expourense, con Alejandro Rubín e Enma González á cabeza, por seguir traballando en facer crecer un foro dedicado ó marketing e á comunicación, algo tan necesario para esta terra, mellor dito, para as xentes desta terra que levamos séculos nacendo sen o cromosoma da comercialización.

E noraboa a Toni Segarra por seguir cos pés na terra. Pois dáme a min que, para moitos mozos e mozas que estaban esa tarde na sala, foi, sen dúbida, a súa mellor lección.

Te puede interesar