Opinión

Por imperativo legal

Leo na prensa xeneralista que a nova alcaldesa de Barcelona seica lle prometeu lealdade ó Rei "por imperativo legal". E, tamén "por imperativo legal", accedeu a respetar a Constitución, así como "gardar e facer gardar" a lexislación vixente.

É certo que non hai que ir tan lonxe para testemuñar declaracións deste tipo, pero quixen tomala como exemplo polos millóns de persoas que a partir de hoxe quedan habilitadas para dicirlle o mesmo na cara se, por calquera causa, acaban sendo sancionados por, precisamente, non facerlle caso ó imperio da lei.

É evidente que, mentres non se crucen liñas intolerablemente vermellas como as que cruzou o xa dimitido concelleiro de cultura de Madrid, cada quen pode facer da súa capa un saio á hora de protocolizar o seu acceso a un cargo, loxicamente sempre que llelo permitan aqueles que teñen como responsabilidade directa garantir, precisamente, que se cumpra a lei.

Pero, dado que o propio acto de toma de posesión dun cargo público é un "imperativo legal" por el mesmo, non en van unha lei é a que obriga a representala para poder ostentar, con tódolos dereitos propios, o cargo, e, por máis, que a fórmula fose exportada polo País Vasco en tempos bastante máis complicados para as liberdades individuais cós que vivimos hoxe mesmo, ó ler a información da alcaldesa barcelonesa a min ocorréuseme pensar en cantas cousas fago ó día "por imperativo legal".

Pois, "por imperativo legal" comezo xa a erguerme á hora temperá á que diariamente me ergo, porque "por imperativo legal" debo cumprir coas obrigas propias do meu traballo se non quero recibir unha sanción.

"Por imperativo legal" circulo tamén pola dereita no traxecto da estrada que separa o meu domicilio do meu lugar de traballo, se quero evitar algún desgusto por esnaframento meu e do meu coche, así como dalgún ocasional "terceiro", ademais de que a garda civil me poña "as peras a cuarto".

E "por imperativo legal" ando estes días -como supoño que tamén terá feito vostede- a voltas coa declaración da renda, pois se a lei non nos obrigara, teño eu as miñas dúbidas de que todos -xa sexamos asalariados, autónomos ou empresarios e nos dea a pagar ou a devolver- fariamos as contas correctas co fisco, como segundo Montoro di, deben ser.

"Por imperativo legal" pagamos a luz, o teléfono, o gas, a auga... É dicir, "por imperativo legal" movémonos dende que nos levantamos da cama ata que volvemos a ela e só así evitamos zoparmos uns cos outros nese consubstancial cruzamento de intereses enfrontados nos que esta vida moderna que felizmente nos temos concedido convive diariamente con nós.

Por iso nunca entenderei tan banal redundancia, por máis que sexa escenificada con acenos dun presunto inconformismo con non se sabe moi ben o qué.

Te puede interesar