Opinión

Irmandade e populismo

Hai uns días lin que o "Portal das palabras" (unha iniciativa na Rede -que por certo, declaro a miña ignorancia, descoñecía- promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié "para a modernización do traballo lexicográfico e a difusión da nosa lingua"), elixiu por votación popular o concepto "Irmandade" como a palabra do 2016.

Non foi só pola súa evidente eufonía, nin sequera polos indubidables valores positivos que a mesma identifica, senón tamén porque hai agora cen anos que un grupo de galegos conscientes do perigo de desaparición que estaba a correr a nosa cultura e a nosa lingua e, en consecuencia, a nosa mantenza como pobo, fundamentalmente na conciencia das elites, decidiron constituír un colectivo ó que bautizaron "Irmandades da Fala" e, ó seu pé, un órgano de difusión que denominaron "A nosa Terra".

"Coñecendo o sentido que impulsou a súa actividade e mais a súa maneira de facer, non queda dúbida de que irmandade é a mellor palabra que puideron escoller para se presentar á historia. Os seus membros tratábanse entre deles de irmáns, e con ese apelativo figuraban nos seus carnés, a xeito de contestación simbólica contra a oficialidade establecida".

Velaí, benquerido lector, a explicación que dende o Portal das Palabras lle deron a esta elección, coa que -digo de paso- concordo plenamente, porque, estando seguro como estou de que se fixeramos un mapa con tódalas palabras utilizadas ó longo do ano nos medios de comunicación galegos, as que abrazan conceptos negativos non lle deixarían ver o sol ás que transmiten valores positivos, é ben certo que aínda que sexa coma quen berra no deserto, agora é cando se fai máis necesario ca nunca reivindicar o bo. Ou, cando menos, o que a historia nos legou como bo.

E isto que digo non é máis cá constatación dunha evidencia. Non en van a palabra ou o concepto que a nivel estatal foi elixido -salientárono os medios, onte- foi populismo, que sendo tamén substantivo colectivo, a min atráeme ben menos cá que hai agora un século popularizaron os irmáns Villar Ponte e tantos outros.

Non só non me gusta, senón que cada vez milito máis na súa contra porque creo que -desculpe a redundancia- o nivel de asunción popular que está acadando o populismo estalle facendo un dano irreparable a esta sociedade cada vez máis cínica, postmoderna e valeira de contido que estamos construíndo a golpe de mensaxes de whatsapp, de chats e conversas virtuais de tamaña superficialidade que non caben nelas máis de 140 letras.

Terá que ser así. Non o nego. Serán síntomas de que me vou sentido vello. É posible. Ora ben, se teño que militar en algo, que me anoten na irmandade e que vaia para o carallo o populismo

Te puede interesar