Opinión

A lauda de Jan Feijóo

As inauguracións de exposicións, coma calquera outro acto social, adoitan serviren para pouco máis ca para profesar o ritual de saudar ós amigos, algúns -a veces- ós que hai tempo cos que non cruzas camiño, e outros -moitas máis veces- para volver encontrarte con xente coa que por semellante causa estiveches mesmo o día anterior, o cal non obsta para repetir ese mesmo ritual do saúdo formal -do cumprimento, que moito máis axeitadamente lle din en Portugal- coma se algún dos dous acabara de cruzar o océano. Vida social, lle chaman. E está ben, eu non renego dela por moito que con moita máis frecuencia da desexada me pareza un artificio.

Digo isto porque, cando un asiste á inauguración dunha exposición, para o que menos mira é para exposición en si mesma, salvando moi raras excepcións, que si van ó que van, estea nela o monarca ou o arcebispo, ou salvando moi raras pezas que por calquera causa lle chamen a un dun xeito especial a atención entre o balbordo de bicos, abrazos e apretóns de mans.

Este segundo foi o caso que me aconteceu a min hoxe -onte, para vostede, benquerido lector- cando, no nome dos Feijóo de Celanova -que somos moitos-, asistín á apertura da exposición que sobre o Padre Feijóo montou, nesta conmemoración do 250 aniversario do ilustrado, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense na "casa solar" de Afundación -aínda non me acostumei ó nome- na Praza Maior de Ourense.

E foi o caso porque a nada que un traspasa o couzón da porta, co primeiro que se atopa é cun "Feijóo de Celanova". Mellor dito, coa lauda sepulcral dun Feijóo de Celanova, onde ben se distingue o escudo dos seis roeles, ó que logo alguén lle engadiría a espada e mesmo o ielmo de cabaleiro que tanta porte lle concedeu ó apelido.

Trátase da tampa de Jan Feijóo, un curioso personaxe de mediados do século XV, concretamente do ano 1452 -aínda Colón non crecera o suficiente como para chegar ás Indias-, cuxa biografía está divulgada someiramente por Oscar Montero nunha peza do mes do propio Museo Arqueolóxico, onde é apuntado como señor do Couto de Sorga e "vixía de terreos vedados para a actividade da caza por parte do campesiñado, que cobra rendas e servizos pola forza en nome do Mosteiro de Celanova".

Pero máis curiosa é aínda a inscripción que a propia lauda ten e que, por máis que non se lea ben debido ó tempo transcorrido, ven a dicir o que segue: "Aquí jaz jan feyjoo escudeyro/ bon fidalgo e verdadeyro gran/ caçador e monteyro".

Ah! Folga dicilo, pois antes de chegar a esta columna, seguro que xa viu a información. Quen inaugurou a exposición foi Alberto Núñéz Feijóo, que é, coma min, doutra rama "labrega" dos Feijóo. E -qué carallo!- ben orgullosos que estamos de selo..

Te puede interesar