Opinión

Un lector na distancia

Hai moitos anos -non alcanzo a atinar cántos, pero pasa ben das dúas décadas- unha tarde semellante a esta na que escribo recibín unha chamada telefónica de alguén que se dicía lector dos meus artigos e que me estaba falando dende Lérida -agora reciclada como Lleida, aínda que el segue denominándoa coma daquela-, recomendándome encarecida mente o seguimento dunha noticia que estaba a piques de acontecer na Baixa Limia, de onde el é natural e a onde regresa con frecuencia.

Agradecido por saber que había xente á que lle interesaban as cousas que eu escribía a tantos quilómetros de distancia, cando aínda non se soñaba sequera coa lectura "online" como agora, cubrín a información suxerida, publiqueina neste mesmo xornal e ó pouco tempo tivemos vagar de nos coñecer persoalmente, iniciando así unha relación de amizada que -dende a distancia- aínda se mantén acesa hoxe en día.

Apuntarei tan só -para mantelo no anonimato- que é un empresario de servizos da horta leridana, hoxe xa xubilado e coa empresa na man dos seus fillos, que se dedica a gozar da vida no sentido máis sinxelo, pero tamén máis profundo, dos valores que lle dan precisamente sentido á vida e que analiza o acontecer -ou a deriva- da clase política catalá actual dende o coñecemento que lle ten dado, por unha banda a longa traxectoria empresarial percorrida naquela terra e pola outra a súa previa condición funcionarial, que lle serviu de porta para unha aprendizaxe intensiva de cómo era aquela sociedade nos complicados anos da despedida do franquismo.

Debe desprenderse, pois, das miña palabras, que non opina de memoria ou dende a distancia -como podemos facer vostede ou eu, benquerido lector- senón dende o cerne da sociedade da que forma parte dende hai décadas.

Hai uns días volveume chamar -agora xa de teléfono a teléfono móbil- e recomendoume a lectura dun artigo que eu non lera porque non adoito ler o xornal madrileño no que foi publicado.

Titulábase o artigo -e aínda se titula, porque agora todo queda na Rede-, "De cómo Cataluña se volvió rica y Galicia, pobre" e non fai falla que mente a cabeceira, xa que logo, con esta referencia non lle ha resultar difícil conseguilo.

É evidente que son moitos os tópicos que ennegrecen o debate territorial que dende hai tempo ten pexada á sociedade española. Agora ben, se dalgún renego é dese que di que os cataláns son máis listos e que foron quen de enriquecérense polo dinamismo da súa burguesía, porque -o artigo resulta condensadamente ilustrativo- simplemente non é certo.

Te puede interesar