Luzes

Co mesmo título, pero cunha "z" no canto da "c" ortográfica de rigor, manteñen dende hai anos unha revista librepensadora, Manolo Rivas e Xosé Manuel Pereiro, á fronte, loxicamente, dun equipo de xornalistas que pretenderon no seu momento crear "un ecosistema de xéneros xornalísticos ameazados de extinción, de novas narracións e de enxertos de poesía no ensaio" e que probablemente o conseguiron logo dos 72 números que levan publicados dende o verán do 2013 onde, como anuncian no seu editorial de principios, onde aseguran "ser un facho que alume entre a néboa que atolda a información, que despexe as negruras que nos ocultan mundos e existencias tan necesarias coma o pan".

Lembrei hoxe mesmo esta revista e o prestixio xornalístico dos seus dous máximos responsables,  logo de ter lido a información que probablemente vostede tamén leu onte, que se desenvolvía arredor do seguinte titular de portada: "Ourense intenta seguir a Vigo: más luces de Navidad y duante más tiempo".

Como resulta obvio de entender, non se pode xulgar un delito denantes de cometelo e seguindo esta máxima (que en versión popular poderiamos definir como a de "non debemos colocar o carro diante dos bois, porque non anda"), tampouco deberiamos emitir contundentes conclusións sobre a política municipal capitalina denantes de que dende o departamento correspondente se leven a cabo algúns actuacións tanxibles que ata o de agora non se teñen executado, simplemente porque non ten habido tempo suficiente para a súa execución.

Sen embargo, se un atende a determinadas decisións, a cousa pública apunta maneiras. Poñamos por caso o alumeado do Nadal, onde, despois dos trazos dubitativos que aínda son lembrados do “sindiós” do ano pasado, ata o punto de chegar a poñer en risco a súa presenza nas rúas por problemas derivados dos procesos de contratación, agora resulta que de súpeto o “novo” Ourense desexa poñerse á altura de Vigo e converter as luces do Nadal ourensán noutro foco cegador.

Como aínda non sucedeu, non queda outro remedio ca “agardar, escoitar e valorar” –din os de Luzes- só despois de que pase o 6 de xaneiro, cando se apaguen os focos e todo volva á penumbra anterior.

Ogallá para aquela Ourense teña contado, logo entón, con luces coma nunca tivo e o comercio local con caixas como sempre desexou. De tódolos xeitos probablemente fose moito mellor para todos que a política local –en xeral- acendera outro tipo de "luzes" coma as que predica a revista. É dicir, máis reflexivas e con moito menos neón.