Opinión

Mantas non son cobertores

Do mesmo xeito ca fixen esoutro día, vou volver ó diccionario para que sexa, neste caso a RAE e non a RAG, a que avale o introito da columna de hoxe.

Tomarei, polo tanto, emprestada do castelán a palabra "mantra", que o devandito diccionario define como "en el hinduismo y en el budismo, sílabas, palabras o frases sagradas, generalmente en sánscrito, que se recitan durante el culto para invocar a la divinidad..."

Se ben, máis alá da definición culta, todos entendemos un mantra coma unha afirmación que a forza de ser repetida acaba semellando certa, sen reparar na súa vacuidade banal.

Traio hoxe os mantras a colación porque, se ben sempre estiveron presentes na comunicación da xente e son habituais na da clase política, esta tempada de grandes incertezas e de mensaxes baleiras de contido pero con fachendosos adovíos, a actualidade está chea de mantras que por desgracia a xente semella tragar sen a máis mínima mastigación.

Velaí van algúns:

O pobo nunca se equivoca (deste, xa apuntei algo esoutro día e algo direi, tamén, ó final).

O pobo "X" non aceptará "tal cousa" (coma se houbese alguén capaz de saber o que opina, individuo por individuo, a poboación nacional).

O pobo desexa cambio (coma se cambio fose sinónimo absoluto de mellorar).

A vontade popular elixiu un goberno de progreso (cando quen o di é o responsable dun partido político que acadou os peores resultados da súa historia).

"España nos roba" (non o escribo en catalán, pero este non podía faltar!).

Teño 131 deputados -cando quen o di conseguiu 90 nas eleccións- (este aínda non tivo tempo de callar, pero nuns días estou seguro de que será repetido por activa e por pasiva por acá e por acolá).

O tempo soluciónao todo (este é un dos de cabeceira de Mariano Rajoy).

En fin... Cando un político coxea de argumentos propios, non hai mellor cousa ca botar man do argumentario oficial que cada partido reparte co zume de laranxa matinal e transformar os argumentos en mantras, para ver se crecen na pobre conciencia dos demais.

Pois ben, contra todo isto eu teño un que serve para contrarrestalos todos: Señores! Mantas non son cobertores. Por iso que, por moito que nos traten de enganar, ó final a xente é máis lista do que vostedes pensan e, cando erra, á larga tamén sabe rectificar.

Te puede interesar