Opinión

Mario Soares

Onte mesmo -nantronte para vostede-, nun xornal de Madrid, o político e diplomático socialista español, Raúl Morodo, escribía sobre Mario Soares o que segue: "De este fraternal amigo con tantas aventuras en común destaco su iberismo e iberoamericanismo. Iberismo desde luego opuesto al tradicional anacrónico y expansionista, afirmándose en una cooperación y profundización entre los pueblos ibéricos y los de la América portuguesa y española.

Iberoamericanismo encarnado en los Poemas Ibéricos del gran poeta luso Miguel Torga: Iberia. Tierra desnuda y de tamaño tal / que albergó juntos al Viejo y al Nuevo Mundo / que dio cobijo a España y Portugal / y a la alada locura de su Pueblo”.

Alén do Mario Soares político, coñecido por calquera que estea ó fío da actualidade, siga ou non a política portuguesa, eu achegueime á súa figura de xuventude cando levei a cabo un amplo traballo de investigación, hai case dúas décadas, que deu cabo na crónica biográfica de Xosé Velo Mosquera, o celanovés que ideou o secuestro do buque Santa María e do que se está conmemorando aínda o sesu centenario.

Cando me adentrei no contexto no que tivo lugar a fundación do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación -que algún día deberá ser estudado con profundidade- descubrín a figura de Humberto Delgado, o militar portugués que logrou desafiar ó mesmísimo Oliveira de Salazar e incluso a gañarlle de facto unhas eleccións presidenciais no ano 1958, que foron o suficientemente cociñadas polo réxime salazarista para que os resultados oficiais non arroxasen as cifras certas. Humberto Delgado -o "xeneral sen medo", como foi bautizado por tal motivo- tivo que fuxir de Portugal e instalouse na resistencia dende o exilio, ata que na primavera de 1965 apareceu morto na compaña da súa secretaria, nun paraxe da fronteira estremeña, pero en territorio española, moi preto de Villanueva del Fresno (Badajoz).

Daquela emerxeu no meu traballo a figura do avogado Mario Soares liderando legalmente as acusacións e as investigacións sobre o crime do político que desafiou ó réxime de Salazar e se consolidaron os meus afectos por unha figura sen a que o Portugal moderno probablemente non sería o que é hoxe. E máis cando, ó afondar algo no seu coñecemento, souben das súas querencias ideolóxicas por un iberismo moderno que aínda está por instaurar nesta península que nos sostén a todos sobre as augas do mar.

Sinceramente, esoutro día lamentei profundamente non ver a figura de Mario Soares abrindo os informativos de televisión e iso fíxome reflexionar en que por desgracia aínda queda moito para que os medios de comunicación se conciencien de que esa necesaria comuñón social ibérica tardará moito máis en chegar se eles non se implican seriamente en promovela.

Te puede interesar