Opinión

Meninas ferrolás e retratos ourensáns

Aínda que case me debería dar vergoña facelo público, debo recoñecer que polo de agora nunca fun a San Andrés de Teixido. É certo que para nós non debe ser un lugar ó que nos preocupe non ir de vivos, porque non imos ter máis remedio ca achegarnos cando crucemos a cancela do purgatorio.

Nunca fun e declárome profundo descoñecedor da costa ártabra, malia que un amigo meu que leva moitos anos residindo en Ferrolterra non cale con que vai ser mellor que vaia agora, porque na viaxe alternativa "non me vou enterar de nada".

A pasada fin de semana, con motivo da celebración das denominadas "Meninas de Ferrol", estivemos a piques de matar dous paxaros dun tiro, pero ó final decatámonos de que un día non dá para tanto, así que deixamos o enigmático santuario para mellor ocasión e dirixímonos directamente ó decadente barrio do Canido ferrolán, onde hai pouco máis dunha década un grupo de afeccionados á pintura mural, algúns grafiteiros e tamén artistas do pincel fino decidiron que era tempo de lavarlle a cara ó barrio e comezaron a pintar e repintar -pero non con brocha grosa senón con sentido estético- algunhas das fachadas máis defenestradas e así foron creando unha iniciativa urbanística e cultural que hoxe xa comeza a sonar en toda España.

É certo que as iniciativas culturais -hai uns días reflexionaba arredor disto- xorden por motivos moi concretos, promovidos por unha xente moi concreta e cuns obxectivos tamén específicos, que fan que teñan personalidade propia e que, que funcionen nun lugar non quere dicir que aboien na localidade veciña.

Pero alí si que cristalizou e certamente, entre a palla que sempre se esparexe polo chan, hai fachadas e laterais dalgúns edificios que poderían formar parte dalgún museo de arte contemporáneo, polo que, tanto os ferroláns coma os seus organizadores, deben estar orgullos do efecto conseguido e cos ollos ben abertos ó longo camiño que lles queda por percorrer, que é certamente ilusionante.

Debo dicir tamén que o meu amigo é pintor -mellor dito, acuarelista-, pero aínda non participou en ningunha edición e, se algún día decide participar dime que ten moi claro que o motivo da súa fachada vai ser eminentemente ourensán.

E non o precisa porque para sorte dos propietarios do local, el ten parede propia sobre a que se expresar, xa que logo, no restaurante O Pío de Narón, a medida que os clientes collen soleira na barra, el failles un retrato que os inmortaliza alí para sempre, para fachenda do cliente e sorte dos taberneiros que fidelizan á clientela.

Aínda que en honor á verdade, a auténtica fidelización conséguena cunha cociña que embelesa (aínda me está sabendo o rape que xantei) e cun trato que agarima e convida a volver haxa ou non haxa meninas. O outro, como din os nosos irmáns portugueses, é brincadeira.

Te puede interesar