Opinión

A nación cultural

Escribo dende Vigo, lugar de referencia vital para tantos e tantos ourensáns.

Acabo de participar nun breve, pero de xustiza, acto de colocación dunha placa nun edificio da Praza das Travesas, que dende hoxe mesmo lembra o paso por esta cidade de Xosé Velo Mosquera, un persoeiro que por razóns dabondo sabidas polos que me coñecen, case forma parte do meu ámbito familiar por máis que non gozara da ocasión de telo coñecido en vida e por máis que, se a súa travesía tivera chegado ata aquí, hoxe andaría navegando pola marusía dos 100 anos.

Pepe Velo forma parte desa pléiade de galegos de ben que decidiron non seren coniventes co dictador e convertéronse en activistas contra o réxime, transformando a súa vida persoal e familiar nun verdadeiro inferno, vivido, tanto en Vigo coma en Celanova e, anos despois, no exilio venezolano, así coma no confinamento de São Paulo, onde morrería con tan só 56 anos.

Por intermediación de Xosé González Martínez -que nantronte mesmo falaba del nestas páxinas- e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o edificio vigués onde durante uns anos tivo unha academia de estudos, portén agora unha placa entre o maremagnun publicitario dos locais comercias que o ocupan, na que as xentes curiosas e propicias á lectura poderán saber que alí viviu un día un pensador, un soñador, un revolucionario e un mestre -que sobre iso foi- que soñou unha Galicia libre dentro dunha "Hespaña" democrática no marco dunha federación ibérica da que, con palabras metafóricas, mesmo falou hai uns días o propio Rei de España perante a Asemblea da República Portuguesa.

Nantronte pola noite, no transcurso do acto de entrega do Premio Blanco Amor (outro ourensán da diáspora e do exilio que tamén gozou dos afectos de Velo cando ámbolos dous coincidiron tanto en Caracas coma en Buenos Aires) o presidente da Deputación e o "irmau" Luís González Tosar aludiron á "nación cultural" como espazo emocional de convivencia no que cada día debemos reafirmarnos con meirande convicción para vivirmos con comprometida coherencia no marco universal no que no século XXI nos toca movérmonos.

Pensaba eu nisto mentres os oradores facían uso da palabra, porque, alén doutras razóns máis ensarilladas, de nada valería a vida de Velo, de Blanco Amor e de tantos milleiros de galegos que ó longo da historia sementaron esta terra, se agora nós, por mor dese andazo uniformista ó que nos arrastra a rede, decidiramos poñerlle un misto ó inmenso silo da súa memoria.

Te puede interesar