Opinión

Nacionalismo-galeguismo

Os pasos da quinta feira leváronme nantronte cara o Centro Cultural Marcos Valcárcel para asistir á "rentrée" que, da man do Foro que promove este xornal, fixo Anxo Quintana no marco da política galega, logo de varios anos de voluntario afastamento ou, se cadra, de reosixenación. E nada máis entrar no salón, decateime de dúas cousas: Unha, que o alaricano -ou allaricense, non sei cómo lle gusta definirse mellor- non perdeu un gramo só desa aureola de encanto para a transmisión da mensaxe política, da que están dotados algúns líderes, só. E a segunda -esta é polo de agora tan só unha sutil sensación á que o tempo lle dará ou quitará razón- é que cada vez vexo con máis nidieza a un líder sen partido e a un partido sen líder, agardando por el coma auga de maio para tratar de conseguir unha eclosión que os posicione de vez no mapa, como voceiros desa maioría social que non se sinte cómoda ensarillada no concepto xenérico do nacionalismo, pero que sinte profundamente e leva a Galicia no corazón, formando parte diso que alguén denominou, con preclara visión sociolóxica, o galeguismo antropolóxico.

Vaia por diante, denantes de expoñer a reflexión que as súas palabras provocaron na miña condición de vello militante nese desmilitarizado exército silencioso do galeguismo antropolóxico, a miña felicitación pública para Anxo Quintana, porque despois de moitos anos asistindo -en directo e en diferido- a multitude de proclamas políticas, por primeira vez escoitei falar a alguén sen facer a máis mínima referencia negativa a ningunha outra formación política e si ós erros propios cometidos no pasado co fin de que sirvan, para o futuro, de lección.

Da primeira á última palabra da súa intervención comparto eu unha alta porcentaxe de conceptos, análises e aseveracións (poño como exemplo aquela da necesidade de fuxir de mimetismos -seguidismos papaleixóns, diría eu- respecto de Cataluña e o País Vasco) e mesmo por esa razón, discrepo nunha que me parece substancial e que debería levar a reflexión a calquera que desexe "pescar" con éxito nese calmo mar dos galegos que sen seren nacionalistas "levan a Galicia no corazón".

Erra quen pense que nacionalismo e galeguismo son a mesma cousa e insiro o seguinte aforismo a xeito de demostración: Un pode ser ou sentirse, por principios, nacionalista. E iso non é nin malo nin bo. Mesmo, dentro deses definidos principios ideolóxicos, cabe ser -ou sentirse- nacionalista español. Agora ben, galeguista pódese ser dun sitio só: De Galicia.

Te puede interesar