Opinión

Qué necesita Galicia?

Onte encontrei na rede -mellor dito, ela soa navegou ata min- unha información que baixo unha suxestiva fotografía dunha paisaxe de suaves lombas de montañas, coma as nosas, e completamente arboradas, coma as nosas, titulaba: "Una isla canadiense ofrece trabajo y tierras de hasta ocho hectáreas para todo aquel que quiera vivir allí".

Tan suxerente titular fíxome pensar noutras informacións que de cando en vez recollen os medios coma este, non só en Galicia e en Ourense, senón tamén ó longo e largo de toda a España despoboada e que adoitan informar de que un pequeno Concello con recesión demográfica decidiu regalarlles ós pais que vaian viren para el, un feixe de chupetes e uns cantos ruxe-ruxe, os pañais do bebé ata que aprenda a dicir "pipí" e "popó" ou tantos litros de leite para o biberón como pesen os pais (aquí lista de xenialidades é tan longa coma a imaxinación dos alcaldes e alcaldesas), todo para tratar de conseguir que unha ou dúas parellas se beneficien dunha pequena lambetada que non dá para moito máis ca para saír nunha foto no xornal cando acordan empadroarse.

Isto ou tarxeta de benvida de 100 euros ó mes que a Xunta lle concederá ás parellas galegas e que, sinceramente, por máis que non vaia haber quen a rexeite e que a min non me pareza mal, ó meu humilde ver non son máis ca voluntariosos parches que non van solucionar o grave problema da regresión demográfica que lentamente nos vai facendo desaparecer como pobo.

A pregunta que vou formular de seguido e que vostede vai ler en plena xornada de reflexión, pode parecer retórica, cando non unha coña. Pero podo asegurarlle, benquerido lector, que é tan seria como serio estou escribindo agora esta peza: Que necesita Galicia?

Que necesita Galicia?, pregúntolle eu agora a tódolos candidatos, despois de que ó longo da última quincena teñan contestado centos de cuestións sobre o pasado, o presente e o futuro da nosa terra.

Pois ben, como sei que non ma van contestar porque hoxe é xornada de "adoración familiar", voulles aforrar o esforzo e contestarlla eu mesmo.

O que necesita Galicia, señoras e señores candidatos, son galegos! De nación ou de adopción. Dá o mesmo.

Así de simple e así de complexo. Por iso que, comezar a instalar o concepto "repoboación" na próxima mesa do Parlamento Galego, non debería ser unha quimera, senón unha urxente necesidade da que vai depender nas próximas décadas a nosa común supervivencia.

Te puede interesar