Opinión

Non é arte, que é física

Teño diante miña unha vella fotocopia do libro do Santuario do Cristal que hai xa ben anos me permitiu fotocopiar don Adolfo e no que o seu antecesor do ano 1827 (cen anos despois do episodio da aparición do cristal) a man e de xeito literal, reproduciu a "Historia de la milagrossíssima ymagen de Nuestra Señora del Christal que se venera en la villa de Villanueva de los Ynfantes, Obispado de Orense y Reyno de Galicia, según consta de l o que escrivió el Reverendissimo Juan de Villafañe, de la distingida Compañía de Jesús en su Compendio Histórico de los principales Santurarios de España".

Reproduzo eu -tamén de forma literal- as palabras escritas polo decimonónico crego vilanovés, co fin de me facer eco aquí da segunda gran preocupación que, trala conmoción inicial polo asasinato de don Adolfo, empeza a interiorizar a veciñanza de Vilanova dos Infantes e por extensión a de tódalas Terras de Celanova, como é a da asunción colectiva da posible desaparición da pequena imaxe vítrea da denominada Virxe do Cristal.

Ó fío desta incógnita, polo de agora non desvelada, tense levantado unha mediática polvareda sobre o seu posible valor económico -ou, mellor dito, monetario-, así como sobre a súa maior ou menor importancia artística ou histórica -como obra de arte-, arredor das cales nos tres últimos días teño contemplado algunhas estampas que penso que precisan algunha reflexión.

Dende a banalidade informativa máis absoluta protagonizada polo que eu chamaría xornalismo paracaidista con ínfulas de estrelato mediático -porque "informan para toda España"- e que se lanzaron á captura dun torvo arremedo da peza real que un veciño gardaba na súa casa (porque -xa o di o tópico-, o que conta é a imaxe e se non é verdadeira facemos que o sexa e outra cousa bolboreta) coma se fosen voitres sobrevoando a prea, ata cuantificacións económicas insultantemente irrisorias para os devotos sentimentos de centos e centos de veciños destas miñas terras xerminais, unha das cuestións que máis redacción están xerando é a posta en cuestión da pequena peza vítrea como obra de arte, repetindo ata a saciedade a compasivamente reparadora cantiga de que aínda que o seu valor como tal é mínimo, a súa importancia radica na súa devoción popular.

Pois ben, perante isto, como contrapunto, creo procedente dicir que ó referirse ó fermoso obxecto -é dicir, o pequechiño cilindro de vidro- que polo de agora alguén anónimo ten no seu anónimo e sanguento poder (ou que don Adolfo tan ben tiña escondido que polo de agora ninguén deu con el) como obra de arte (capacidade humana encamiñada a crear beleza), cométese un craso erro de concepto, porque arte é unha talla de madeira ben esculpida, unha cerámica ben modelada ou un retrato ben pintado por alguén. Pero isto -é dicir, a pequena imaxe vítrea- é física da materia que polo de agora non deu explicado ninguén.

Te puede interesar