Opinión

Non é o mesmo...

Concordará comigo, benquerido lector, en que non é o mesmo unha mula ca unha egua, por moito que se non está afeito a velas xuntas, poida que se meta nun problema se o mandan elixir. Como tampouco é o mesmo un boi ca un touro, nin un can ca un lobo, incluso un año ca un cabrito ben asadiños, os dous, a moda de Castela.

É dicir, hai cousas que aínda que se parezan, non son o mesmo, malia que sempre haxa quen, por simplicidade, comodidade ou preguiza perenne, diga, cando se lle propón a comparativa, que se non é o mesmo, dá o mesmo para os efectos que teñan que ser.

Escribo isto, ó fío da información que colocou onte de novo na palestra á non renacida banda de música de Ourense, despois de que o colectivo que se presentou ó concurso non fose quen de cumprir as esixencias administrativas que alguén -non sei se con criterio- as puxera negro sobre branco nun foliado papel.

Disque o 80% dos compoñentes que ían formaren parte do colectivo non teñen a titulación suficiente ou a axeitada experiencia "de cinco anos en traballos semellantes". Iso foi, cando menos, o que lin. Como tamén lin que, de teren aceptado iso, estarían cometendo unha ilegalidade.

E a min, sen pretender -nin moito menos- criticar a ninguén, pois seguro que o equipo de goberno da capital conta con suficiente información para defender o que defende e para tomar a decisión que tomaron, este proceso levoume a facer unha reflexión hai uns meses nunha emisora de radio e hoxe a poñer tamén negro sobre branco -coma o prego de cláusulas-, que por máis que se trate dun contrato administrativo, do mesmo xeito que unha mula non é unha egua, contratar un colectivo para que forme unha banda de música non é o mesmo ca contratar unha obra dun alcantarillado, nin un servizo de recollida do lixo, nin sequera a redacción dun proxecto técnico.

Non é o mesmo, repito. E escríboo porque pola experiencia que teño na causa malicio que é un mal moi común na administración en xeral e un andacio na administración local moi especialmente.

Por iso me chocou no seu momento ler no prego técnico -e a realidade actual ven a darme a razón- conceptos como "visado", "rexistro mercantil", "empresa", "solvencia técnica" para, simplemente, que unha cidade poida gozar cada domingo pola mañá cuns concertos de música popular no palco da alameda.

E por iso creo tamén que unha boa parte da clase política local se está sumando ó mantra de "eu, o que digan os técnicos" para evitar así a responsabilidade de xestión que democraticamente lle encomendaron os seus veciños. De aí que lamente profundamente o resultado fallido do concurso. Porque no fondo non deixa de ser o trunfo -absurdo- da burocracia administrativa sobre a xestión cultural.

Te puede interesar