Opinión

Que nos pasa coas árbores?

Vaia por diante que esta reflexión non procura dar nin quitar razón ó caso concreto que me sirve de disculpa para escribila, xa que logo descoñezo o espazo sobre o que foi xerada a polémica que esta semana presidiu os dous máis importantes núcleos urbanos de Valdeorras e, polo tanto, o valor intrínseco das árbores que foron cortadas nas inmediacións do encoro que baña A Rúa e o Barco e que no caso da primeira vila provocou unha multitudinaria sesión plenaria que puxo en solfa ó alcalde da localidade por permitir a tala de 160 árbores, a dicir dun concelleiro da oposición.

Non poño en dúbida -repito- a lexitimidade e a razón que puideron esgrimiren veciños e oposición para protestar polos traballos levados a cabo pola Confederación Hidrográfica. É máis, se eu fose veciño dalgunha destas dúas vilas, se cadra estaría á fronte da manifestación porque, aínda que non me teño por ecoloxista de acción, tampouco me fai moita gracia que deforesten adestra e a sinistra, aínda que tamén é certo que eu, cada ano -dentro de pouco xa toca- pido permiso para botar abaixo un ou dous carballos de medio decote co fin de alimentar, nos días crus de inverno coma os que acabamos de pasar, a boca famenta da cheminea que teño na salón.

Ora ben, malia non querer ser crítico con aqueles que poñen o berro no ceo porque lles deixaron un tramo do "Camiño de Inverno" sen sombra, o certo é que cando leo na prensa unha polémica deste tipo -lembre, benquerido lector, o rebumbio social que se armou hai uns meses en Sarria- porque alguén sega polo pé unha cañota, bota abaixo unha nogueira ou un castiñeiro, ou calquera outra especie da nosa flora, por estaren situados nalgún punto singular que presumiblemente estorban, sempre -repito- me fago a seguinte pregunta encadeada: Pero, que nos pasa os galegos coa nosa masa forestal? Por qué lle queremos tanto ás árbores e tan pouco ós montes? Digo eu...

E para reforzar esta dúbida que me asalta non preciso outra cousa ca botar unha ollada a calquera montaña que me rodee -vaia por onde vaia, agás moi raras excepcións no corazón desta Galicia verdescente- e contemplar cómo os montes están deixados -nunca mellor dito- da man de deus, agardando simplemente a que un indesexable calquera e un día de calor os convertan en cinza sen que milleiros de comuneiros -agás tamén, raras excepcións- fagan nada por transformalos en montes que xeren producción.

Te puede interesar