Opinión

Os da casa e os de fóra

Cando un se pon a ler o xornal pola mañá, o percorrido visual polas páxinas adoita ser como unha viaxe experiencial de aquí para acolá polo mundo.

Eu non sei se a vostede lle pasa ou non. A min si. E vou tratar de explicarllo.

A medida que vai "andando quilómetros" de aquí para alá, hai noticias que lle agradan ó lelas, por máis que os seus protagonistas sexan xentes de fóra e con vostede non teñan nada que ver. Hai outras que lle xeran indiferencia ata o punto de que unha vez lle dea volta á páxina xa non sabería dicir que leu. E tamén as hai que lle xeran malestar, cabreo ou xenreira porque, por unha causa ou por outra, mancan os seus principios intelectuais.

E, aparte, aparecen algunhas, de cando en vez, coas que se sinte especialmente identificado e comparte  plenamente con pracer, porque ademais de seren positivas, os que aparecen nelas son xentes coma da casa, afectivamente próximas e ademais vostede é consciente de que é totalmente merecido o que lle está a acontecer.

Tal foi o caso hoxe pola mañá -onte, para vostede-, cando me informei de que Manuel Buciños e Acisclo Manzano -ou Acisclo Manzano e Manuel Buciños, tanto dá que tanto ten- foron galardoados co premio Otero Pedrayo, do que nesta ocasión era anfitriona a Deputación provincial de Ourense.
É certo que nin un nin o outro son novos nese papel de receptores de recoñecementos públicos máis ou menos sinceros e de agradecemento debido, porque xa non son novos en nada, pero estou ben seguro de que un e outro darano por ben recibido, por máis que ó "ex-aequo" conleve o consecuente reparto.

Eu non sei se o feito de seren premiados en comandita ou se porque tódolos días me cruzo con "eles", envolto nas formas volátiles de San Rosendo, nun caso, ou nas do singular Celso Emilio, no outro, o caso é que, máis alá do afecto persoal que sinto por ambos, calquera destas dúas circunstancias fíxome reflexionar sobre a arte e o valor subxectivo que acada a arte en función de que os creadores desa arte sexan xentes de fóra ou xentes -como é este caso- da casa.
A miúdo vemos na televisión ou en calquera outro medio de comunicación, novas de gran alcance informando sobre a apertura dalgunha exposición plástica e cando a voz en off anuncia que o seu autor chega de expoñer en Berlín, París ou Roma e que ten estudo no Soho ou no Village neoyorkino, parece que se nos acende unha luz que o ilumina e multiplica por cen a súa importancia. Claro -dicimos, entón-, non hai máis que vela! Sen embargo, como a Acisclo ou a Buciños cruzámolos pola rúa a calquera hora, semella que, na familiaridade, a súa obra, a carón da destoutros, é unha insignificancia. E non nos decatamos de que, se cadra, se foran eles os de fóra e se deran importancia, ningún destes lles chegarían á sola das alpargatas.

Te puede interesar