Opinión

Os tempos que vivimos

Contemplando (coma quen observa en silencio unha versión incruenta do retrato goyesco dos fusilamentos do dous de maio) o alto grao de incoherencia argumental e o alto nivel de pobreza intelectual que arrodean o escenario do hemiciclo na Carreira de San Jerónimo, leo, en contrapartida, as declaracións realizadas por uns e por outros no acto protocolario de entrega das Medallas Galicia ós expresidentes de Asturias e de Castela-León co fin de tratar de reconciliarme, como observador, con esoutra forma de facer política que nunca valoramos suficientemente e que agora se nos antolla inmensa ó poder facer unha mínima comparación.

Leo, por exemplo as reivindicacións do expresidente de Castela-León no sentido de pedir, unha vez máis, a transformación do Senado nunha auténtica cámara de representación territorial, así como un meirande protagonismo para a Conferencia de Presidentes e non podo menos ca sentir mágoa pola ausencia xa de voces tan autorizadas. Leo, igualmente, as realizadas polo expresidente de Asturias no sentido de asegurar que aínda que os tres presidentes "No nos encuadrábamos en la misma organización política, el entendimiento fue fácil por la creencia conjunta de no querer más bilateralidad, fragmentación y desunión y sí más multilateralidad, cohesión social y lealtad" entre os pobos de España. En fin, leo isto e váiseme a idea cara a imaxe xuvenil dunha moza de 31 anos que seica vai ter moitas posibilidades de ser vicepresidenta dun goberno do que vai depender o día a día colectivo de 47 millóns de persoas e a soa comparativa faime tremer de medo polo futuro que nos espera.

Ó longo da miña vida de observador atento á realidade política local, provincial e autonómica, fundamentalmente, pero tamén á política nacional, teño coincidido con todo tipo de perfís políticos. Altos e baixos, grosos e magros, listos e parvos, prudentes e imprudentes, coherentes e incoherentes, ignorantes e informados, interesados pola vida pública e interesados tan só pola súa propia... E isto tenme levado a reflexionar con certa frecuencia arredor de que é o que incita a unha persoa calquera a dar o paso á "rex pública" e mesmo enzoufarse no lodazal, cada vez máis cheirento e asulfurado, da política.

Como tantas veces teño escrito nesta columna, é certo que os tempos que vivimos son tempos tan relativistas que calquera vale para calquera cousa. Só hai que estar no apeadeiro axeitado no momento no que pasa o tren adecuado e tomar a decisión de subir a el ou permanecer na sala de espera, comodamente sentado.

Así é a vida e así é a sociedade postmoderna que estamos modelando. Mentres os que saben de que vai isto se poñen a un lado, os que non teñen nin a máis remota idea, non só é que suban ó tren, senón que non lles dá vertixe ningunha abrírense paso a cobadazos para seren –eles ou elas- os que se poñan á fronte dos mandos. Iso si…, para esnafrarnos.

Te puede interesar