Opinión

As pacas do Casiano

Ocerto é que e a día de hoxe non sei ben cómo chamarlles, pois tanto o diccionario Xerais coma o da Real Academia, seica lles din "pacas", por máis que todo o mundo mundial que eu coñezo e que traballou na sega algún día lle siga chamando da mesma maneira que eu lle escoitaba ós meus avós e ós veciños dos meus avós na aira de Carbasco, aínda que non foran tan feitiñas: É dicir, "alpacas".

E "alpacas" tamén lles chamou esoutro día -supoño que por iso da cercanía lexicográfica que mantemos os de Celanova coa zona menos raiana da Baixa Limia- o benquerido e meu conveciño das veigas de Mugueimes, Casiano, cando nunha tertulia radiofónica falou delas e da onerosa ridiculez que supón ver repartir "alpacas" con helicópteros polos montes ardidos da provincia co fin de evitaren -seica- que as chuvias que non dan caído arrastren a terra nutricia das abas dos montes e garantiren así -iso é o que din- a rexeneración vexetal dos montes fronte ó perigo de desertización que por estas causas provocan de seu os incendios forestais.

Casiano foi coherentemente contundente na súa argumentación contra esta práctica de enxeñería forestal, asegurando que por máis que esa decisión teña o sostén técnico preciso, se o seu avó muiñés chegara a ver cómo eran lanzadas as devanditas pacas de herba seca dende os helicópteros nos montes da súa aldea, pensaría que o mundo moderno se deveu volver definitivamente tolo.

Eu volvía no coche de Ourense cara a miña vila e cando escoitei os argumentos de Casiano non aplaudín por non deixar o volante ó pairo. Pero agora, xa sen os perigos da conducción e comodamente instalado fronte ó ordenador, non podo menos ca bater as palmas con cada tecla que premo e facerlle a ola a cada unha das palabras pronuncias naquel foro radiofónico por Casiano.

E, por qué escribo agora disto cando as palabras do fisioterapeuta xa foron pronunciadas nos inicios da semana? Pois fágoo porque hoxe mesmo -onte para vostede- lin neste mesmo xornal que a conselleira do ramo -é dicir, de Medio Rural- andou polas terras altas da comarca de Monterrei coñecendo de primeira man os traballos que se teñen levado a cabo no campo da rexeneración forestal e, para a miña sorpresa e asombro dos pensamentos hipotéticos do avó de Casiano, descubrín que esa práctica de depositar as pacas de palla sobre o monte "para evitar futuros daños en la época de lluvias" seica leva o nome de "mulching". En fin...!

Eu creo que se contratasen a un "coaching" que lles organizase unhas xornadas de "coworking" e unhas sesións de "mentoring" para facer ben o "mulching", os toxos e as xestas –que non saben inglés- deixarían de crecer e os incendios pasarían á historia na volta dun mes.

Te puede interesar