Palmeiras e monumentos

Palmeiras e monumentos

Non é a primeira vez que traio a colación esta miña teima, sobre a que reincido, non porque me afecte a min particularmente, senón porque é moi posible que sexa unha opinión bastante común, que xustificaría, non só a súa divulgación, senón tamén o feito en si de que eu dende esta xanela privilexiada trate de espertar a súa curiosidade, xa que logo, mergullados como andamos nas nosas propias historias e camiñando como agora camiñamos pola rúa –eu o primeiro-, ollando bastante máis para a pantalla do teléfono móbil ca para o que acontece ó noso arredor, é moi doado que nos pase desapercibido.

Vouno poñer en situación e propoñerlle un exercicio memorístico. Se vostede vive habitualmente na cidade capital e pasa con relativa frecuencia pola rúa do paseo á altura do entronque da avenida Juan XXIII -penso que aínda se chama así-, a rúa Ervedelo e a rúa Concordia, decatarase de que no centro dese teórico semicírculo hai unha media rotonda que serve para ordenar o tráfico rodado.

Pois ben, se arestora lle pregunto que é o que hai no interior dese espazo axardinado é máis que posible que a súa mente se quede en branco e non pare de darlle voltas ó asunto ata que volva poñer os pés alí para centrar a mirada pausada no seu conxunto.

Estou seguro tamén de que se decide facer un esforzo mental, se cadra asomaralle por algún vieiro neuronal unha nebulosa máis ou menos virada ó verde, pero pouco máis.

De ser así, non andará moi afastado do certo, aínda que é moi posible que non teña a máis remota idea de que por detrás desa mata verde se atopa un monumento pétreo, mellor dito, un dos monumentos pétreos esteticamente máis "poderosos" da cidade de Ourense.

Trátase concretamente -de aí a miña teima- dunha figura traballada hai preto de corenta anos polo prestixioso -e benquerido por min e por moitos ourensáns- escultor de Taboadela, Xosé Cid. Unha figura que pretende, ou pretendeu no seu momento, exaltar o preponderante papel que Rosendo Guterres, o fundador de Celanova, exerceu na historia de Galicia do século X e que agora permanece completamente oculto por tres ou catro exoticas palmeiras que co paso dos anos, como era de agardar, foron crecendo ata superaren xa con creces as medidas xenerosas do propio monumento urbano.

Loxicamente, as palmeiras non fixeron outra cousa ca medrar, pois para iso é para o que se plantan. Polo cal, non lle podemos botar a culpa ás pobres palmeiras. Nin sequera ó señor alcalde, que ten outras moitas cousas nas que pensar, pero si a quen ten a responsabilidade de coidar dos parques e xardíns da cidade, porque é obvio que ou hai palmeiras ou monumento e, postos á trasladar creo que é máis barato mudar de sitio as primeiras.