Opinión

PAPANATISMO

Póñome a escribir esta columna despois de pasar dous días vendo e escoitando en distintos informativos da televisión, así como en diversas páxinas webs que se teñen por 'medios de comunicación', unha noticia relacionada co 'incrible' descubrimento de dúas fieiras de arcadas dun vello claustro románico, perfectamente recolocadas nun xardín do antigo chalé dun millonario suízo nalgún lugar de Cataluña do que non fai falla dar máis datos porque estou seguro de que vostede tamén o viu.


Vexo repetir a información no telexornal da noite, no matinal do día seguinte e incluso no do medio día a continuación e pregúntome se os responsables de seleccionar as noticias do día son parvos ou se nos toman por parvos ós televidentes, pois, pola importancia que lle dan ó achado, semella que o historiador que acaba de dar na Rede coas fotografías que desvelan a presencia do conxunto arquitectónico no xardín da mansión, acaba de descubrir a pólvora ou de recuperar para o noso común beneficio algunha das setes marabillas da antigüidade, coma o Faro de Alexandría, o Coloso de Rodas ou os Xardíns Colgantes de Babilonia.


Resulta que por obra e gracia dun millonario suízo, un claustro románico semellante ó claustro dos bispos que se conserva no mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil, a finais dos anos cincuenta pasou, moi probablemente, dun estado de perdición a un lugar privilexiado de conservación, por moito que fose un espazo privado, e do que se exhuma das informacións é algo semellante á comisión dun gran atentado ó patrimonio, que ata levou ó mesmísimo ministro de Cultura a facer unhas declaracións, así como a que algún historiador amosase a súa preocupación porque aquelas pedras do século XII levasen cinco ou seis décadas á intemperie.


Pois ben, mentres iso acontecía nos medios de comunicación, a min íanseme pasando en ringleira pola cabeza ducias de monumentos comidos literalmente pola floresta, abandonados e esquecidos en lugares recónditos, ou en evidente perigo de extinción (poñamos por caso San Paio da Abelenda, en Castro Caldelas, Trandeiras, en Xinzo de Limia ou mesmo Santa Cristina de Ribas de Sil), sen que ninguén levante un dedo para promover a súa recuperación.


Que vivimos tempos de papanatismo informativo é algo que non precisa de ningunha empírica demostración. Se ben, esta noticia fala ben ás claras diso e dinos que aquilo que sae na televisión convértese no meirande problema do mundo e o resto non existe malia que estea acontecendo diante mesmo de nós. Ou non?

Te puede interesar