Opinión

Que pasa despois de que che f. a vida?

Supoño que calquera estudante de socioloxía, de xornalismo, de xudicatura ou de historia contemporánea, que calquera pode valer para isto, nalgún momento se dedicará a realizar un reconto exacto para un traballo de fin de grao, de fin de master ou de doctorado e entón, cando sexa publicado, acabaremos decatándonos da dimensión da escena que non permite ver este orballo puntual que se está dando cada pouco tempo.

Tomando como novo exemplo a actualidade da absolución do exconcelleiro ourensán García Mata, estoume referindo á cantidade de casos que cada cando van aflorando e que amosan as graves eivas coas que conta o nosos actual sistema político-xudicial, que son capaces de lles fastidiar -por non utilizar outro verbo máis explícito que tamén comeza por f- a vida á xente sen que esas decisións xudiciais non teñan a máis mínima consecuencia, nin tampouco a mínima capacidade para lles reparar o dano efectuado.

Como pode comprender, non me vou mergullar na casuística deste ou de calquera outro episodio porque para iso está a hemeroteca e calquera que desexe afondar un pouco neles e nas súas historias concretas, teno moi doado con procurar no google, un por un, cada caso concreto. Pero iso non quita que non me deteña nas consecuencias, do mesmo xeito que hai unhas semanas me parei nas que sufriu o anterior delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogeio Martínez, o último caso que transcendeu, que eu teña conciencia, nos medios de comunicación.

Realmente, eu non sei quen é o responsable. Se só hai un responsable, se a responsabilidade é colectiva ou por partes. Foxe este dato dos meus coñecementos, como foxe tamén a solución para que este tipo de traxedias -porque no fondo, ó que someten esas prácticas xudiciais ós afectados, é a unha traxedia persoal cuxa dimensión só son quen de coñecer eles- deixen de se produciren.

Descoñezo se o erro parte do denunciante, do lexislador, do desenvolvemento do proceso xudicial no que se adentran os casos cando entran pola porta do xulgado -é dicir dos instructores- ou dos intérpretes intermedios, denantes de que o intérprete xudicial final decide sobreseer o caso. Descoñezo todo iso, pero si son consciente, porque teño coñecido casos máis ou menos cercanos, das consecuencias irreparables que supón para quen despois de dedicar unha parte da súa vida á xestión pública, de súpeto porque un escrito máis ou menos interesado e máis ou menos terxiversado entra no rexistro da administración xudicial, de súpeto unha persoa pasa, sen solución de continuidade, de ser un servidor público a un delincuente sen presunción de inocencia.

Descoñezo, en fin, en mans de quen está a solución de todo isto, pero alguén terá que lle poñer remedio porque, sinceramente, non é xusto que non pase nada despois de que –desculpe a licencia- che foden a vida.

Te puede interesar