Opinión

Patrimonio mundial do esperpento

Ando a ler con lentes de esperpento o absurdo sainete que nestes últimos días ven protagonizando a clase política que está á fronte do patrimonio e da natureza da Xunta de Galicia contra aqueloutros que sosteñen o temón do Concello de Vigo, por mor do inicio do expediente de solicitude de declaración como Patrimonio da Humanidade das denominadas Illas Atlánticas.

E fágoo mentres me teño por testemuño silandeiro doutro expediente no mesmo sentido do que é protagonista a nosa provincia xunto coa provincia de Lugo, neste caso coa Ribeira Sacra como telón de fondo, e que hai tan só unhas semanas recibiu a visita do mesmísimo presidente da Xunta para que quedara constancia do compromiso do Goberno galego con tan ambicioso como ilusionante proxecto.

Descoñezo, loxicamente, se vostede ten seguido informativamente tan interesante vodevil. Por se non é así, resúmollo de contado.

Resulta que mentres as Deputacións de Lugo e Ourense levan anos unificando criterios técnicos, institucionais, sociais, culturais e mesmo populares para preparar un documento que saliente a singularidade universal da Ribeira Sacra, tanto dende o punto de vista do seu patrimonio natural, como do patrimonio histórico e cultural que entorno atesoura, e que poida ser presentado na Unesco coas mesmas garantías de éxito como no seu momento gozaron a muralla de Lugo ou a coruñesa torre de Hércules, hai uns anos que o histriónico responsable do Concello de Vigo debeu ver a estrela polar anunciando a boa nova dende un dos pequenos areais de calquera das tres illas Cíes e, pensando, se cadra, que os responsables da Unesco só teñen ollos para Galicia -co longo e largo que é o mundo!- decidiu arrancar el tamén con outro proxecto semellante, situado a pouco máis de cen quilómetros de distancia, declarando por aquí e por acolá que había conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade para as tres illas.
Pero, como se iso -é dicir, que nunha ínfima rexión do mundo se promovan á vez dous expedientes de declaración- fose pouco, agora chega a Xunta de Galicia, entendendo que o alcalde vigués leva cinco anos disparando anuncios e proclamas con balas de fogueo, soben a aposta e propóñense lanzar un terceiro expediente no que ademais das illas "do" alcalde vigués, sexan incluídas tamén algunhas das illas das outras Rías Baixas ás que hai tempo que lles chaman no seu conxunto as Illas Atlánticas.

En fin! Que eu, de ser un dos avaliadores da Unesco que estudan os expedientes a incluír en tan prestixiosa lista, a parte de estarme esmendrellándome da risa, estaría pensando seriamente en recomendarlles que unifiquen os tres expedientes nun só, pois así sería pioneiro: Declarar a Galicia como Patrimonio Mundial do Esperpento.

Te puede interesar