Opinión

Pau porque remas…



Écerto que esta predicción era moito máis doada de facer cá de hai uns meses e non cumpría consultar a aplicación de Meteogalicia para saber que as medias presións anunciaban tempos de espera no devir da política galega.

É certo iso. Como tamén é certo -non hai que ser capitán de navío para entendelo- que o presidente da Xunta de Galicia navega contra os seus intereses persoais e de partido ó adiar a entrada en porto agora que as augas van calmas e deixando as manobras de atraque para o mes de outubro.

Como tamén sería ben certo -se sucedese- que se onte houbera anunciado as eleccións para o próximo 26 de xuño, arestora estarían tódolos seus rivais políticos acusándoo de ventaxista político ou de trileiro por xogar coas cartas marcadas ó non permitir que a maioría das formacións da oposición non tivesen tempo de dar a coñecer ós seus candidatos en tan só dous meses e no marco dunha campaña electoral que seica se predice de perfil baixo no tocante ó investimento publicitario, que é algo básico, precisamente, non só para facer chegar a mensaxe ó electorado, senón, o que aínda é máis importante, para dar a coñecer por todo o país ós candidatos.

Fagamos reconto, para poñérmonos en situación. Polo de agora, a única candidata formalmente elixida pola súa formación para optar á presidencia da Xunta é a parlamentaria do BNG, Ana Pontón. Logo está o propio Alberto Núñez, que seica ten congreso a próxima fin de semana na capital da nosa provincia. E logo está unha triada onde cada verso remata nunha incógnita, pois, por máis que Fernández Leiciaga anunciara a súa candidatura no PSOE, aínda está sen elixir pola súa militancia e malia que é un deses que se podían denominar "históricos" do socialismo galego, habería que colocalo en calquera mesa dunha terraza calquera dunha vila ou dunha cidade galega -non digamos xa, aldeas- e preguntarlle a tódolos que pasasen por onda el se o coñecían.

E por máis que En Marea ande anunciando a un maxistrado, bastante menos coñecido pola xente do común que o propio Fernández Leiceaga, arestora nin sequera se sabe cantas formacións van entrar no sobre de En Marea. E, finalmente, a Ciudadanos, aquí en Galicia, case nin está nin se lle espera.

É dicir, un panorama perfecto para que Núñez Feijóo dixera, "pois vamos ó 26 de xuño e a ver qué pasa!"

Pero non. Ó final, como auguramos algúns, decidiu non facelo. Entón resulta que agora, os que estaban desexando que non dera o paso, din que seica as adiou porque non quere coincidir -disimúleme a licencia- coa "peste" de Mariano Rajoy! En fin...

A ver se nos aclaramos e deixamos de marear a perdiz, porque aínda que non o pareza, disto tamén se decata perfectamente o electorado.

Te puede interesar