Opinión

As personas e as ideas

Descoñezo as razóns de fondo que levaron ó concelleiro do BNG a ser imputado e, como consecuencia diso, a presentar a súa dimisión -xa efectiva- no Concello de Ourense.

Debo dicir, de paso, no meu propio defecto, que non me preocupei moito en documentarme sobre a letra pequena de tal imputación porque, sinceramente, ese xogo de contraposición de poderes político-xudiciais no que anda ensarillada nestes tempos a clase política en xeral e a caste política da capital en particular, sobre se unha sinatura está ben centrada nun papel, sobre se falta ou non falta outro papel dentro do feixe dun expediente de centos de folios ou se o papel está escrito a man ou con deseño de photoshop e letra con fonte de última moda, pero asinado no día seguinte ou no anterior ó que administrativamente debera ser asinado, certamente xa me aburre, polo que non perdín un minuto só en procurar saber o contido da letra pequena.

Si, xa sei que nestes intres é o que toca e que, como o político de turno bote o pé esquerdo por diante do dereito -ou viceversa- en contra do que estea escrito na partitura administrativa da institución que representa, pode darse por -disimúleme a expresión, benquerido lector- fodido, como neste caso seica lle aconteceu ó devandito concelleiro, tendo en conta, como engadido, o lugar no que o seu partido colocou o listón da "coherencia" fronte á espada de Damocles dese temido concepto dabondo indefinido que a crise e o andazo da corrupción puxeron de moda .

Sen embargo, pídeme o corpo reflexionar sobre unhas declaracións que o xa ex-concelleiro pronunciou cando anunciou a súa demisión, pois nelas dixo que a súa marcha era completamente irrelevante porque na política "primeiro están as ideas e logo as persoas".

Vaia, pois, o meu recoñecemento pola súa "inmolación" no país no que ninguén dimite, pero ó mesmo tempo pídolle permiso para a discrepancia respecto desa declaración de principios que, a nada que se lle aplique a proba do 9, non resiste a máis mínima interpretación, por máis que se teña convertido nun mantra que sostén multitude de argumentos ideolóxicos.

E digo que discrepo de tal aseveración porque por unha cuestión elemental de prelación humanística e ó mesmo tempo de orde de factores -que aquí si que altera o resultado final do producto- as ideas -as boas ou malas ideas- ou dito doutro xeito, o pensamento -é dicir a filosofía- que pretende darlle explicación ó porqué da nosa presencia neste mundo e a por qué nos organizamos socialmente desta ou doutra maneira, carecería completamente de sentido -é máis, metafisicamente constitúe un imposible- sen a existencia do ser humano.

Por iso é evidente que sen persoas non só é que non haxa ideas, senón que non tería sentido ningún a súa existencia. E defender o contrario é facer deixación de funcións respecto da nosa capacidade que como individuos temos para poder cambiar as cousas.

Te puede interesar