Opinión

Os pés no charco

Acabo de escoitar o corte do discurso do alcalde de Noia, que xa navega completamente viralizado pola rede e, certamente, máis alá do que dixo e do que quixo dicir- que liñas haberá para degrañar o carozo-, dado que falaba en acto público no día internacional da muller e con motivo dunha homenaxe a unha mariscadora do seu municipio, atóxaseme a min que podería pasar a formar parte do museo das "tontunas" gratuítas, se é que nalgures ten as portas abertas.

Hai uns días trouxen a este mesmo espazo a opinión vertida pola líder de Podemos-Galicia, na que por mor dunha coma sen poñer causou tamén un desvarío, neste caso entre a bancada do PP. Desvarío, este, que penso que aínda está por resolver.

Cando lin o desafortunado "tweet" da parlamentaria compostelá, o certo é que, alén da intencionalidade política que o mesmo podía ter, eu pensei para min que xa eran ganas de meterse en problemas, porque podería ter denunciado o mesmo que quería denunciar sen meterlle o dedo no ollo ó partido de goberno e non tería que soportar o rexeitamento público que ó final acabou soportando en acción parlamentaria.

Agora ben, o caso do alcalde de Noia é de análise sociolóxico, pois ben a demostrar a absurda capacidade que temos os seres humanos de metermos os pés no charco sen necesidade ningunha de os ter que meter.

Creo que el quíxose defender asegurando que o discurso era ben máis longo e que o que el quixo facer foi unha defensa da muller e das condicións de dificultade engadida nas que unha muller ten que saír a flote respecto dun home na vida cotián, tanto laboral como familiar e social.

E polo que transcende do contexto do corte, semella que é así e que o que realmente estaba facendo era precisamente iso. Pero, home, igual que noutrora lle cantaban a Manolete aquilo de "se non sabes tourear, para qué te metes", aquí habería que dicirlle ó señor alcalde noiés (agora creo que xa o sabe ben) que, se non ten dotes de orador experimentado e descoñece os segredos da retórica e dun xeito especial os da ironía ou da rexouba -que diría o Carrabouxo- mellor é non mergullarse neles porque o máis doado é saír enzoufado, como finalmente saíu el.

Pois ben, do mesmo xeito que esoutro día non desculpei á parlamentaria que por mor da ausencia dunha coma implicou ó PP na violencia machista, tampouco vou desculpar hoxe ó ínclito alcalde noiés, que ó final -seguindo a corda dos desafortunados símiles utilizados por el para exaltar a fortaleza engadida da muller- se cadra sen querer, acabou saíndo trasquilado do envite sen necesidade ningunha de se sentar no sillón do barbeiro. Ou, dito con palabras propias utilizadas por el, acabou levando nos morros por meter "as narices" onde non tiña necesidade ningunha de as meter.

Te puede interesar