Opinión

Os pobos oprimidos

Sobre o gume da navalla no que se atopa arestora empoleirado este sorprendente "impaís", leo unhas declaracións realizadas hai uns días por Xosé Manuel Beiras que me levan a reflexionar.

Non o critico por expoñelas -cada quén pode defender o ideario que lle pete se logo ten parroquia De arredor-, nin poño en solfa o contexto non que foron realizadas -un acto electoral na Barcelona presediciosa da pasada fin de semana-, senón que, tratando de entendelas, provócanme profundas contradicións e fanme pensar en se serei eu a pé de terra o que non dá ollado o horizonte coa nidieza suficiente para ser consciente do que pasa nel ou se serán outros os que dende a súa atalaia aparentemente privilexiada acaban perdendo a perspectiva e ollan con canícula ese mesmo horizonte para veren cousas diferentes ás que vexo eu e mesmo considero obvias.

Dixo Xosé Manuel Beiras -en castelán para que a parroquia catalá o entendera- que "es necesario articular un frente común de los pueblos oprimidos y del ciudadano común" para que -isto seica o dixo en galego- "o que non conseguimos contra o franquismo con Franco, quero que o logremos agora contra o franquismo sen Franco".

Como calquera declaración de calquera outro político -por moito que as de Beiras sexan a miúdo homilías laicas, máis ca políticas exhortacións-, declaracións deste tipo son susceptibles de seren analizadas conceptualmente no seu conxunto, malia que eu hoxe me vaia quedar soamente co substantivo adxectivado que inserín no titular: "Os pobos oprimidos".

Pregunteime, cando isto lin, se o octoxenario parlamentario se refería a Galicia e Cataluña, entre outros, ou se facía referencia soamente a outros que por desgracia si existen aínda polo mundo e sumaba á causa da súa liberación o impulso desa parte das sociedades galegas e catalás que -coma el- se senten oprimidas por mor das pexas sociopolíticas que lle impón esta democracia -imperfecta, pero democracia, á fin e ó cabo- que conta xa coa mesma idade cá que durou o "franquismo con Franco" que tamén el pronunciou.

E fíxenme esta pregunta porque no mesmo intre no que lin a súa referencia ós pobos oprimidos, por máis que quixen visualizar algún trazo da vida cotiá que me definira graficamente o concepto de opresión, tanto nas rúas da miña propia vila, coma na capital de Ourense ou mesmo no casco vello compostelá, non fun quen de atopalo. Mentres, sen embargo, da miña idea imaxinaria non se daban afastado esas ringleiras interminables de almas andantes procurando un paraíso sen horizonte definido ó pé das vías de Macedonia ou polas pistas terreas de Hungría e, por máis que o propuxen, non logrei entender cómo estas xentes foxen do paraíso para tratar de asentar as súas vidas nesta Europa decadente e oprimida na que seica moramos nós.

Te puede interesar