Opinión

A Ponte dos Peares

Cando meu pai era neno ou un proxecto de adolescencia, ía con frecuencia, camiñando e da cabalo, dende o Cristal de Vilanova dos Infantes ata Monforte, conducindo unha manada de becerros que dependía en tamaño da época do ano ou do ben ou mal que previamente lle fose a seu pai -meu avó- nas feiras.

Agora xa hai un tempo que non se refire a elo, pero na familia é un mito que todos damos por certo malia que, cos anos o teña esaxerado un pouco ó cuantificar a súa periodicidade por semanas. Unha das pasaxes máis difíciles do longo itinerario (estou falando de mediados dos anos 40) era, segundo o seu relato, cruzar a ponte dos Peares, sen contar loxicamente que o lobo podía aparecer en cada corga e facer coa manada unha estampida. Nunha delas, seica aconteceu algo así e mesmo cruzando a ponte, un ou dous becerros acabaron sumidos polos remuíños crecidos dos tres ríos, dando cabo da ganancia do negocio para un tempo.

Lembrei nantronte este episodio familiar mentres cruzaba, sobre coloreado firme, a nova ponte que hai uns meses comezou a dar servizo nese espazo de tan fermosa orografía como singular e anacrónica demarcación administrativa, preguntándome cómo tardara tanto tempo aquela obra, por máis que sexan poucos os seus veciños.

Fíxeno para asistir á homenaxe que lle foi tributada a un tan destacado como esquecido veciño daquela aldea ó que a traxedia do icendio da casa familiar -cando non era máis ca un neno de pantalóns curtos- o arrancou da torgueira e o trasladou a Buenos Aires, onde xamais esqueceu as súas orixes galegas e o seu berce ó pé da "luz i o progreso" que o "Cristo dos tempos modernos" ofrecía ó seu paso, como tan admirablemente cantou Curros.

Estou falando de Rodolfo Prada, sen o que probablemente Castelao non estaría en tan preeminente lugar no retablo laico da nosa historia colectiva. Estou falando, en fin, dun ourensán, coma tantos, ó que o inexorable paso do tempo -igual que acabou soterrando os castros- foi pousando sobre el o triste manto do esquecemento. Un esquecemento que nos obriga a redobrar esforzos para evitar que perdamos a memoria. Porque o día que perdamos a memoria, inevitablemente esqueceremos tamén a brúxula que, como pobo, nos sinala o camiño.

Te puede interesar