Opinión

Privilexios

É posible que, como adoito empezar moitas historias ollando cara atrás, tan pronto remate o introito e empece a devalar pola exposición, diga vostede, "xa está este botando man do pasado". Pero non, desta volta será de futuro do que vou falar.

Ven isto a conto, logo dunha intervención que esta semana fixo a alcaldesa de Cartelle (xente á que ela sabe que lle quero ben, debo dicir, de paso -e quen non!, retrucarame calquera que lea isto, se ten con ela trato persoal-) no Senado, onde instou ó goberno a impulsar políticas reais dedicadas ó emprendemento das mulleres que viven no medio rural, que na provincia de Ourense acaban por seren todas, agás as que moran arredor da Praza Maior da capital.

"O motivo da moción -recollo o texto literal- é a necesidade de implicar á muller no desenvolvemento rural, non como o fixeron as nosas nais, senón como unha aposta renovada, moderna, nun marco diferente e no que a muller ten moito que dicir".

Dado que a moción foi aprobada, dou por suposto -home de boa fe- que o goberno recollerá o testemuño e fará o indicible por trasladar os desexos da Cámara a accións concretas que cheguen a tódolos recantos da España rural que, coma Ourense, é toda, por máis que cada día se asemelle ó mar da tranquilidade luar.

Pois ben, por se ó final toman en consideración a suxestión da alcaldesa, que sabe ben do que fala, non en van leva toda a súa vida dedicada á atención médica desas mulleres -e homes- do rural cuxa mellora vital reivindica, voulle ofrecer eu ó goberno (aínda que se cadra habería que dicir ós gobernos) un argumento máis, que estou seguro de que non van poder refutar.

Se realmente cren nas palabras de Carmen Leyte e consideran que vai sendo hora de frear con algo máis ca cun torniquete a emorraxia demográfica que acabará por desestabilizar o equilibrio socioeconómico do Estado, só teñen unha forma de facelo. E isto é outorgándonos privilexios ás xentes que moramos no medio rural. Privilexios que lle devolvan os devezos a aqueles que, xa fose en carne propia ou no trasunto dos seus devanceiros, noutrora emigraron para as cidades ou para máis alá e se animen a retornar con posiblidades de xerar economía, que é -que eu saiba- o único xeito de asentar poboación que a humanidade deu inventado ata o momento.

E para isto -agora si que irei á historia- voulle poñer un exemplo. Se dende o século XII floreceu o Couto Mixto (ou Andorra), foi porque fixo uso dos privilexios que no seu momento lle foron concedidos. E se finalmente esmoreceu ata decaer no páramo de planalto que hoxe é, non foi por outra causa ca porque eses privilexios foron anulados por España e Portugal.

Loxicamente non teñen que ser os mesmos, porque moitos son totalmente anacrónicos. Pero, se queren, saben ben que por aí é por onde teñen que empezar.

Te puede interesar