Opinión

A propósito de Vilanova

Pasado o día das letras galegas, que nesta ocasión viu transformada a festa da cultura que dende hai catorce anos enche o vello burgo medieval de Vilanova dos Infantes de vida e tradición, de música e etnografía, nunha xornada excepcional de doo e honra pola memoria do benquerido don Adolfo, acórreseme contar unha centenaria "anécdota" relacionada precisamente coa vila dos zapateiros .


Como vostede ben sabe, benquerido lector, do mesmo xeito que lle aconteceu a practicamente tódalas poboacións grandes e pequenas de Galicia, ó longo de moitísimos anos dende que alá polo século XV a católica -e agora tamén catódica- Isabel de Castela decretara a "doma e castración do reino de Galicia", malia que a xente seguiu utilizando os topónimos no idioma no que se comunicaba -que evidentemente era o galego- nos documentos eses lugares -repito, grandes e pequenos- comezaron a apareceren coa súa morfoloxía castelanizada, de tal xeito que Vilanova, que comezara sendo -non é unha perogrullada- "Vila Nova das Infantes", acabou sendo identificada como Villanueva de los Infantes, o cal, co paso dos anos lle creou ós seus veciños non poucas inconveniencias epistolares e doutro tipo, ó confundirse con relativa frecuencia a "Villanueva de los Infantes" da Terra de Celanova coa pequena poboación homónima da provincia de Valladolid e, especialmente coa manchega, cervantina e quevediana Villanueva de los Infantes de Ciudad Real.


E ata tal punto se xeraron discordancias comunicativas que o día 16 de xullo de 1916, os concelleiros vilanoveses galegos, presididos polo alcalde Ricardo Varela Méndez, sen outra parafernalia administrativa nin protocolaria de mediación, decidiron mudar o nome da poboación, e a partir dese día denominala en galego, Vilanova, conseguindo así o que probablemente sexa un dos primeiros exercicios de regaleguización oficial da toponimia municipal galega.


Aínda se dá outra curiosidade nesta histórica acta municipal que, ademais do propio Ricardo Varela, é asinada tamén polo secretario daquela, Cipriano González, así como polos concelleiros Manuel Flores, Eliseo Bouzas, Juan Devesa e Manuel Fernández, xa que logo, no mesmo día infórmase de que "estando próximo el día 25 y 26" do mesmo mes de xullo, "días en que el Ayuntamiento celebra a costa del presupuesto municipal el aniversario de la aparición de la Santísima Virgen del Cristal, procede que en el año actual como desde tiempo inmemorial lo viene verificando el municipio, lo haga", para o cal "comisionan" ó "alguacil-portero" do Concello, Ildefonso Araújo.


Tempo haberá de afondar nunha e  noutra circunstancias, xa que logo, ámbalas dúas teñen a suficiente entidade simbólica como para que o pobo de Vilanova poida gabarse da súa condición de pioneira na recuperación orixinal do seu topónimo. Pero iso será xa para o 2016.

Te puede interesar