Opinión

Reafírmome no dito

Se vostede ten un certo apego por esta serodia columna -benquerido lector- e lle deu lectura á do pasado xoves, 

ó refrescarlle a memoria seguramente lembrará que nela facía unha reflexión baixo o título de "Insisto...", na que alertaba do ancho campo de exploración que no ámbito do turismo arqueolóxico se lle abría á provincia de Ourense coa apertura de portas do Centro Arqueolóxico de San Cibrán de Las, pensando nesa apertura de portas coma punto de partida dun ambicioso proxecto global que nalgún intre deberá acometer Ourense unha vez remate a posta en valor e poida proceder á común comercialización dun itinerario con fitos sobranceiros nos conxuntos arqueolóxicos de San Cibrán de Las, Castromao, Aquis Querquennis e a Vía Nova, que -repito, postos en valor e engadíndolle Santomé e Augas Santas- converten á nosa provincia nun espazo privilexiado para colocarse por dereito propiio no podio do mercado turístico-arqueolóxico do conxunto da península ibérica.

Pois ben, onte pola tarde, aproveitando unha viaxe de regreso de Santiago de Compostela tiven tempo de achegarme a "Lansbrica" para coñecer con vagar o proxecto expositivo do Centro Arqueolóxico e de paso participar nunha visita ó xacemento na que nos acompañou como guía -debo salientar, de paso- un mozo ourensán deses que non gustan de repetir mensaxes cifradas coma loros, senón transformar a visita nun intercambio de pareceres e deste xeito darlle personalidade á mesma alén dun atractivo engadido que agradecerá de certo o visitante.

E unha vez realizada a visita ó Centro e aprendidas -da man de Rodrigo, que así se chama o mozo- algunhas cousas novas sobre o castro, que loxicamente descoñecía, non podo menos ca reafirmarme no dito, é dicir, en que igual (ou, se cadra, dentro dese mesmo macro-proxecto) a clase política ourensá está disposta por fin a apostar decididamente polo potencial termal que nos foi dado pola xeoloxía, e do mesmo xeito que as institucións e os grupos políticos se teñen unido aquí e acolá para apostar en comandita por conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, creo sinceramente que chegou o momento tamén para que os actores relacionados con todos estes fitos patrimoniais empecen a pensar dun xeito unívoco e se poida definir un proxecto de futuro que afonde na complementariedade evidente que hai entre -poño por caso- a proposta didáctica e virtual que un pode ver no Centro de San Cibrán de Las e a arqueoloxía experimental que no futuro se poderá ofertar no poboado castrexo de Coelianova.

Te puede interesar