Opinión

Riqueza e país

Dende o Foro Enrique Peinador e da man do seu mentor e principal animador, Xosé González, chégame o libro "Enrique Penador Lines e Mondariz. Empresa, turismo e país", escrito e traballado por Ricardo Gurriarán, un valdeorrés empeñado en sacar de debaixo das pedras que o tempo vai pousando por riba da historia, a empresarios galegos que souberon crear riqueza noutrora, sen perder por iso o seu compromiso intelectual e político co país.

Loxicamente, ó escoitar o nome de Peinador, a todos se nos vai a idea cara ese espazo entre o ceo e a terra coa fermosa ría de Vigo por panorámica, no que unhas veces con vento e outras con néboa tomamos terra, de volta dalgunha viaxe por vereas alleas.

Pois ben, para dar a coñecer que ó igual que Zara non é só unha marca de roupa (algún día escribirei sobre isto), Peinador tampouco é só o nome dun aeroporto, senón o apelido dunha liñaxe que creou moita riqueza entre Vigo e Mondariz a finais do século XIX e XX, foi polo que Ricardo Gurriarán sacou á luz este traballo que centra o seu relato biográfico no fillo do fundador do balneario de Mondariz e de tantos outros proxectos que probablemente non se inclúan nos exames de acceso á universidade, pero que debería ser obrigatorio que fosen coñecidos por unha comunidade estudiantil galega que nin no seu momento fomos nin agora están sendo formados para crear riqueza e crear país, cousa que por desgracia non adoitan camiñar xuntos.

Como pode comprender, benquerido lector, non me vou deter -a columna non dá para tanto, nin as miñas entendedeiras tampouco- en debullar a biografía do empresario vigués, cousa que non obsta para que recomende un achegamento a ela, precisamente por todo o que acabo de escribir.

Como tampouco obsta para que tome textos dunha carta que Peinador lle escribe a Curros Enríquez no ano 1894 e que logo foi reproducida no semanario que Curros dirixida daquela na Habana, "La tierra gallega", para traer logo a colación unha reflexión axeitada.

Co fin de promocionar as Augas de Modariz entre a sociedade galego-cubana, Peinador pídelle a Curros que "faga canto poida pra esparexelas e difundilas entre toda a clas de xentes". Pero antes, laméntase de que, por máis de seren consideradas "as millores e máis eficaces de todas as coñecidas", as Augas de Mondariz "teñen unha gran disgracia: a de nacer en Galicia. Coma se non fora bastante que un país tan bonito e regalado estuvese esquencido dos poderes púbricos, inda o desprecian seus propios fillos, mentras s'atopan na terra, non concedendo méreto a nada que non veña de fóra".

É dicir, que, por máis que agora se fale das grandes dificultades que hai para "emprender", os balados mentais non son nin moito menos cousa de hoxe. Polo que, a xeito de corolario, permítame gardar como lección que xa daquela houbo quen –porque, contra vento e marea, creu no país- os deu saltado.

Te puede interesar