Poderíase pensar -sobre o titular- que é un remedo do e máis lonxevo concurso da televisión nacional. Pero non é tal.

É, unha vez máis -e contra a miña vontade emocional- algo que ten que ver co debate interminable sobre a nosa lingua. E son consciente de que ó mentar a "bicha" estoume expoñendo a que de contado levante a vista do xornal e dedique as súas lecturas a mellores causas, que desta xa está farto de que lle sigamos dando paus á tarabela e que a tarabela non pare -nunca mellor dito- de tarabelear.

Volvo, entón sobre o asunto porque a razón mo pide, á vista de que unha parte da opinión publicada continúa a desenfocar o obxectivo respecto das causas que fan que as estatísticas sobre o nivel de coñecemento e uso actual do noso idioma sexan desgraciadamente as que son, e non vai máis.

E volvo porque unha cousa é saber unha -a nosa- lingua e outra moi diferente -radicalmente diferente, diría- é falar a cotío esa -a nosa- lingua.

E é tan diferente como -poño un exemplo ben claro- saber andar en bicicleta e andar a cotío en bicicleta.

Todos -tiveramos ou non vehículo na nosa infancia-, agás raras excepcións, sabemos dende nenos montar en bicicleta, porque así no lo impuxo, non, ningún decreto sobre a idoneidade de facer exercicio, nin ningunha lei educativa para aprendermos as regras básicas de urbanidade e cidadanía, senón a ilusión de poder contarmos co noso primeiro vehículo.

Sen embargo, por máis que o coñecemento sexa practicamente unánime, non todos utilizamos diariamente tan ecolóxico medio de transporte, porque hai moitos condicionantes -orográficos, de tempo, de oportunidade, etc., etc.-, xa non que nolo impidan, senón que non nos coloquen tal vehículo como vehículo principal.

Pois, no caso do coñecemento e do uso do idioma pasa exactamente o mesmo, xa que logo, por máis que os alumnos o aprendan a falar exclusivamente na escola, mentres haxa un pai e unha nai que falando entre eles en galego lles falen os seus fillos en castelán (e moito máis se entre eles tampouco o falan), xa poden as criaturas teren vinte horas de galego semanais e as institucións redactaren decretos por aquí e por acolá, que xamais ese neno ou esa nena utilizará o galego (agás raras excepcións, tamén é certo) como primeira lingua habitual.

E, senón, que llo pregunten ós responsables políticos alemáns que -en aborrecible contrapeso- andan facendo acenos de uniformizar en todo o país o uso da lingua xermana e saben ben onde é que teñen que atacar para que os inmigrantes deixen de falaren os seus idiomas natais.

Pois iso.