Opinión

Unha semana só

Cando me sento a escribir bótolle unha ollada ó teléfono denantes de me poñer á tarefa e leo unha mensaxe que me envía o meu conveciño e amigo, Manolo Quiroga, que leva 51 anos vivindo co corpo en Caracas e coa mente en Celanova, nun caso deses de estrema rareza metafísica e no que me adxunta unha foto do barrio do noutrora popular e comercial barrio da Candelaria caraqueña, na que se ve unha inmensa cola de xente parsimoniosa e paciente, acompañada da seguinte lenda:

"Hola Piñeiro. Mándoche esta foto da cola de hoxe para facer as compras do día. Ata hoxe a cidade está aínda moi triste. A min acordóuseme o poema de Curros, 'Os mozos', que dicía: ¡Que triste está a aldea, ..."

Co seu beneplácito -benquerido lector- e aínda sendo consciente de que a poesía escrita en formato de prosa non é o mesmo, vou reproducir o poema enteiro, non só porque en moitos dos seus versos semella ter sido escrito para a situación actual de Venezuela, senón porque a súa primeira parte debería facernos reflexionar a nós mesmos, como galegos, xa que logo, aínda sen a componente que lle habería que introducir para contextualizalo hai uns 125 anos máis ou menos, tamén relata en parte delilcada situación demográfica na que nos atopamos e que eu non me cansarei de repetir ata fartar nesta columna:

"¡Que triste está a aldea,/ que triste e que sola!/ ¡A terra sin frutos, a feira sen xente,/ sin brazos o campo,/ sin nenos a escola,/ sin sol o hourizonte, sin fror a semente!/

A pedra i as nubes/ a sembra arrasando,/ agoiran un ano de fame sombría;/ sin pan os labregos/ nin herba pro gando,/ ¿que vai a ser deles na crúa invernía?

Manadas famentas/ de lobos montesos/ baixaron das chouzas na noite calada,/ e postos en ringla,/ cos ollos acesos/ acenan dos probes pra porta pechada...

Mociños honrados/ de sangue bravía,/ si ó mal dos petrucios non fordes alleos,/ librádeos da morte,/ facei montería/ nos lobos da terra, nos lobos dos ceos."

Velaí porque uns escritores morren cando os seus desaparecen e outros transcenden no tempo e fanse inmortais malia que o tempo lle bote terra a el e a todos cantos o suceden: Porque ollando para o seu entorno son capaces de elevar a universal e sobre todo a intemporal o que lle acontece ó ser humano, unhas veces aquí e outras acolá, no seu propio tempo.

Acertou sumamente Quiroga ó traerme á memoria o vello poema currosiano, porque me devolve con rabia unha cantinela que dende o pasado mes de agosto me resoa coma un martelo na conciencia cada vez que digo en alto que, malia todo, debemos sentirnos privilexiados, vendo como está Venezuela, e me contestan: ¡Bueno..., aquí tamén nos chega ben!

¡Unha semana só, pediría para eles! Unha semana, nada máis, vivindo na Candelaria, por exemplo.

Te puede interesar