Opinión

Sen o santo e sen a esmola

Leo con interese o suplemento que o pasado sábado publicou este xornal baixo o título "La Vía Nova da paso al futuro" e no que, baixo a coordinación do xornalista Paco Gil, se fai un necesario exercicio de memoria histórica (non política) ligado á relación do ferrocarril coa nosa provincia e aínda antes de que a máquina de vapor permitira a creación deste medio de transporte, a relación que a nosa complicada xeografía ten mantido con anteriores vías de comunicación, comezando, loxicamente, polas vías romanas, que no tocante a itinerarios comunicativos é de onde parte todo.

E, lendo, lendo, atopo un mapa certamente singular que esperta dun xeito especial o meu interese, non tanto porque historicamente alguén pensara nalgún intre que estas terras do sur de Ourense eran merecentes de ter unha vía de ferrocarril, por moito que foxe de vía estreita, para estructurar o noso territorio, se non porque de ter saltado da planimetría do papel ó terreo real, estou seguro de que outro galo nos cantaría arestora.

Seguramente vostede tamén reparou nela. De non ser así direille que, segundo informa Paco Gil nesta sección, a comezos do século XX a Sociedade Económica de Amigos do Pais, de Santiago de Compostela, trazou unha serie de propostas de comunicación interterritorial da provincia de Ourense, así coma nas outras tres  provincias que non deixaban practicamente ningún territorio fóra das posibilidades de utilizar regularmente o tren como medio de transporte.

Descoñecía completamente que algunhas mentes preclaras daquela época propuxeran a construcción dunha vía dende Ourense á fronteira d Madalena para que logo, dende alí, outra vía semellante, pero dos “comboios” portugueses, comunicase este punto fronteirizo co mar aberto en Viana do Castelo.

Si sabía -e se a busco, teño información documental que o corrobora- que nalgún momento iniciático o Estado planificou trazar a chegada a Ourense  pola zona máis poboada, é dicir, por Verín, Xinzo e Allariz, e mesmo trazar unha vía alternativa entre Xinzo e A Cañiza, co fin de aforrar unha chea de quilómetros a Vigo.

Incluso, benquerido lector -iso non está na información, pero dígollo eu- moitos concellos, entre eles da miña vila chegaron a se converteren en accionistas da empresa que executaría tal investimento.

A desgracia -como con tantas outras operacións ó longo da historia- foi que, igual que lle aconteceu ó de vía estreita, a planificación non pasou do papel, deixándonos unha vez máis sen o santo e sen a esmola.

Te puede interesar