Opinión

SEÑORA MINISTRA,POR FAVOR?

Na época da transición, un cantautor lucense que se chamaba Jei Noguerol e que non sei qué foi feito del, popularizou unha canción da que seguro que se lembra, querido lector, e que no cumio do seu estribillo dicía algo así como 'señor ministro, por favor, amáñenos a carretera?'.


Non son quen de reproducir ningunha estrofa máis daquela canción. Sen embargo, venme á memoria con frecuencia cada vez que algún político (non ten por qué ser ministro, pero se o é, mellor) fai algunha 'politicada' que ven a ser, por definición, algo así como 'desenvolver unha acción innecesaria, que non lle aporta nada ó colectivo pero que lle custa os seus cartos ó erario público e que ten como único obxectivo convocar ós medios de comunicación para que o ministro ?ou o político que sexa- se vexa o mesmo día nos informativos da televisión e ó día seguinte na foto dos xornais'.


E tanta 'politicada' foi aquela desafortunada foto do actual presidente da Xunta regando unhas cinzas dunha horta cunha mangueira do Carrefour e que estes días lle anda restregando pola cara a oposición, como 'politicada', no sentido máis literal da definición que acabo de reproducir, foi o que veu facer nantronte a señora ministra Chacón a Laza. Se ben, neste caso, as inconfesables e partidarias intencións fotoxenitistas da señora ministra supuxeron, coa súa fuxidía viaxe a Ourense, bastantes máis recursos públicos ca aquela caída inocente nos biosbardos da que foi víctima propiciatoria o daquela xefe da oposición.


Cartos que, todo sexa dito de paso, irían moito mellor investidos no operativo contra incendios de Laza ou de calquera outro monte galego, ca nunha excursión aérea da representación institucional que o partido do goberno ten na provincia e en Galicia arroupando á señora ministra e co conselleiro de Medio Rural como cooperador necesario para que a cousa non federa a cachón.


Loxicamente non lle vou cantar á titular de Defensa aquilo de 'señora ministra, por favor, amáñenos a carretera?' porque non é da súa competencia. Ora ben, iso non quere dicir que non lle entoe ?malia ás miñas eivas interpretativas- un contundente 'señora ministra, por favor, non nos veña tomar o pelo'.

Te puede interesar